A esperanza (e ameaza) do litio en Portugal

O informe preliminar de impacto ambiental dos proxectos de extracción mineira identifica "riscos".
litio_nao_serra_arga
photo_camera O Goberno considera que a explotación do litio é unha ocasión única, mais está a ser contestada polas afectadas (Foto: SOS Serra d’Arga)

"É uma vergonha o Governo continuar a insistir com o plano de exploração de lítio", declarou a organización ecoloxista portuguesa Quercus, que asegurou que "vamos lutar até às últimas consequências, com as populações".

Facíao tras a publicación para consulta pública do informe preliminar de impacto ambiental da explotación de litio en oito zonas do centro e do norte de Portugal que identifica "alguns riscos, ainda que potenciais, e oportunidades de melhoria". Trátase de Arga (Viana do Castelo), Seixoso-Vieiros (Braga, Porto e Vila Real), Massueime (Guarda), Guarda-Mangualde (con catro áreas que se estenden pola Guarda, Viseu, Castelo Branco e Coimbra) e Segura (Castelo Branco).

O documento recoñece que "a valorização do lítio em Portugal é crítica devido à sua presente importância estratégica para o país e para a Europa", mais alerta de que "o conhecimento geológico e mineiro nas várias áreas com potencial para o lítio é inconsistente e incompleto". 

O Planeta esmorece. Incapaz de asimilar as cantidades de CO2 e doutros gases de efecto invernadoiro emitidos á atmosfera pola queima de combustíbeis fósiles, está a sufrir un quecemento global. As consecuencias: secas, incendios, riadas, fame, contaminación, mortes prematuras...

A transición ecolóxica cara a enerxías cun menor impacto chegou á axenda dos Gobernos, con obxectivos a cumprir nos vindeiros anos para evitar que a vida na Terra se torne inviábel. Unha das medidas é a aposta por coches eléctricos que substitúan os de combustión.

Coches eléctricos que funcionan con baterías de litio. A demanda deste mineral vese como un investimento de futuro, mais o seu uso masivo pode crear outro problema de contaminación igual ou maior que o actual. Ademais, a explotación mineira ameaza con estragar bisbarras enteiras, onde, en Portugal, existe unha forte oposición da veciñanza.

Auga

O informe de impacto ambiental non agocha os perigos para o ambiente, nomeadamente a respecto da auga: "Em algumas áreas de prospeção e pesquisa (ex: Arga) existem concessões de águas minerais naturais muito próximas dos seus limites e com perímetros de proteção associados".

Ademais, tal e como denuncia Quercus, 28% das áreas afectadas fan parte do sistema nacional luso de áreas protexidas. Por exemplo, a megamina de litio do Barroso, que promove a británica Savannah Resources no municipio de Boticas, está situado a só 2 km de distancia da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés (que inclúe os concellos galegos de Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños). 

"Estamos a falar de áreas que o Estado português se comprometeu a proteger e a salvaguardar e que tem valores únicos de conservação e de modelos de desenvolvimento", sinala a ONG, que cita como territorios afectados o Parque Natural da Serra da Estrela, a Serra da Gardunha, o Parque Natural do Tejo Internacional e o Geopark Naturtejo (xeoparque Mundial da Unesco). 

Áreas con elevado valor en termos de conservación, que albergan ─tal e como recolle o informe─ mais de 116 especies en perigo de extinción. 

Comentarios