Escocia impulsará un plebiscito "de facto" en resposta á decisión xudicial británica

O SNP impulsará un "referendo de facto" para que a poboación decida sobre a independencia do país, após rexeitar o Supremo británico que Escocia teña competencias para organizar esa votación sen a aprobación de Londres.

Nicola Sturgeon, onte. (Foto: Jane Barlow / PA Wire / dpa)
photo_camera Nicola Sturgeon, esta cuarta feira. (Foto: Jane Barlow / PA Wire / dpa)

Case cinco meses despois de que a primeira ministra de Escocia, Nicola Sturgeon, elevara á Corte Suprema británica a súa proposta de lei para efectuar en 2023 unha votación arredor da autodeterminación do país, a maxistratura resolveu por unanimidade que o “Parlamento escocés non ten autoridade para lexislar de cara á organización dun referendo de independencia”.

O tribunal salientou que só o Parlamento do Reino Unido ten competencias neste ámbito, afirmando que a normativa que permitiu crear en 1999 o órgano lexislativo escocés non concede esa capacidade.

Robert Reed, presidente da Corte, rexeitou o argumento escocés de que a votación non sería legalmente vinculante, sinalando que “tería importantes consecuencias políticas”.
Sturgeon subliñou despois de facerse público o veredicto que “isto expón como un mito calquera noción de que o Reino Unido é unha asociación voluntaria e reforza o caso da independencia”, sostendo que “respecta” a decisión e apuntando que o tribunal “non fai as leis, só as interpreta”.

“A nosa voz non pode e non será silenciada”, ratificou a líder escocesa, que avanzou que a resolución do Supremo leva Escocia cara a unha loita "máis fundamental, sobre se temos o dereito democrático básico a elixir o noso futuro".

Nese sentido, tras ser rexeitada a proposta escocesa por Londres e agora polo estamento xudicial, Sturgeon sinalou que a nova ruta en dirección á independencia pasa por un “referendo de facto”, cuxos detalles serán discutidos nunha conferencia do Partido Nacional Escocés (SNP).

Na presentación do proxecto en xuño, que marcaba o 19 de outubro de 2023 como data para o referendo, advertira de que, no caso de rexeitamento xudicial, “o SNP fará da independencia o seu único obxectivo nas eleccións xerais”, que decorrerán como moi tarde en xaneiro de 2025.

O primeiro ministro británico, Rishi Sunak, fechou a porta na Cámara dos Comúns a aceptar unha nova votación, aceptando traballar só “nas cousas que importan” á poboación escocesa. Entrementres, Ian Blackford, líder do SNP en Westminster, lembroulle que no lexislativo de Escocia a maioría das e dos deputados están a favor da independencia, así como que o mesmo Sunak non foi elixido nas urnas.

En setembro de 2014, nun referendo pactado entre Londres e Edimburgo, as escocesas e escoceses optaron por permanecer no Reino Unido con 55,3% dos sufraxios. A pesar diso, as autoridades escocesas explican que a marcha do Estado da Unión Europea cambiou as circunstancias e obriga a unha nova consulta.

Comentarios