Escocia fai historia e fixa por a lei a gratuidade dos produtos para a menstruación

É o primeiro país do mundo en adoptar esta medida.
Produtos para a menstruación. (Foto: Europa Press)
photo_camera Produtos para a menstruación. (Foto: Europa Press)

Desde esta segunda feira, a lexislación escocesa recolle o dereito das persoas menstruantes a acceder a produtos da regra en calquera espazo público, converténdose no primeiro país do mundo en adoptar esta medida.

En Escocia xa existía unha normativa para que estes produtos estivesen dispoñíbeis de balde en centros educativos, mais a entrada en vigor da Lei dos Produtos da Regra, aprobada pola totalidade dos deputados do Parlamento escocés en novembro de 2020, dá un paso máis no compromiso da loita contra a pobreza menstrual.

A iniciativa foi impulsada pola deputada laborista Monica Lennon, e aínda que nun principio o Goberno escocés mostrou as súas dúbidas polas dificultades para pór en práctica esta medida, finalmente as persoas menstruantes terán acceso gratuíto a estes produtos.

Desde 2017, Escocia investiu uns 32 millóns de euros para facilitar o acceso a estes produtos en determinados espazos públicos.

Conseguir a "igualdade e dignidade"

O Executivo escocés salientou esta segunda feira que a aprobación desta medida pioneira é "fundamental para a igualdade e a dignidade", especialmente na situación de crise inflacionaria que sofre Europa, e en concreto Escocia.

De momento, a Administración xa destinou unha partida de case seis millóns de euros para axudar os colexios e universidades a financiar os produtos de menstruación, así como para asegurar a súa distribución nos fogares con menos recursos económicos a través de diversas entidades sociais.

Aliás, destinaranse outros catro millóns de euros para as autoridades locais e medio millón para as institucións deportivas, co obxectivo de que poidan ampliar a dispensa destes produtos nos seus espazos de uso común.

Imposto ao tampón

Desde xaneiro do ano pasado, o Reino Unido non conta coa taxa de 5% do Imposto de Valor Engadido (IVE) para os produtos de menstruación. O coñecido como Imposto ao tampón foi eliminado despois de consumarse a saída da Unión Europea, xa que Bruxelas non permite reducir o IVE a estes produtos.

Comentarios