Conxelación dos alugueiros e veto aos desafiuzamentos: Así intenta atallar Escocia a crise de prezos

Estas medidas aplicaranse, cando menos, até marzo de 2023.
A primeira ministra de Escocia, Nicola Sturgeon. (Foto: Europa Press)
photo_camera A primeira ministra de Escocia, Nicola Sturgeon. (Foto: Europa Press)

A primeira ministra de Escocia, Nicola Sturgeon, anunciou esta terza feira un paquete de medidas de emerxencia para intentar atallar a crise derivada do encarecemento do prezo da enerxía nos últimos meses.

O plan do Goberno escocés recolle, entre outras, a conxelación da suba do prezo dos alugueiros e o veto dos desafiuzamentos, cando menos até o mes de marzo de 2023. Aliás,  Sturgeon tamén anunciou un incremento das axudas sociais, “condicionado” a que a nova primeira ministra de Reino Unido, Liz Truss, aumente o financiamento de Escocia.

A líder do SNP explicou que “o Executivo escocés non ten poderes para evitar que a factura enerxética continúe subindo, pero pode tomar medidas para asegurar que os alugueres non o fagan.

As medidas, que son de aplicación inmediata, teñen por obxectivo “dar seguridade á xente en canto a ter un teito en inverno”, asegurou a primeira ministra escocesa.

Escocia, “condicionada” por Liz Truss

Sturgeon insistiu en que calquera medida que Escocia queira aplicar nos vindeiros meses non poderá ser efectiva até que a conservadora Liz Truss asente o seu novo equipo de Goberno e presente o seu programa para o conxunto do Reino Unido.

Neste sentido, a primeira ministra de Escocia advertiu que, “se Truss baixa os impostos, dunha maneira irresponsábel e regresiva, e reduce o gasto en servizos públicos, isto tería un efecto inmediato sobre o orzamento escocés”.

“Seguiremos aplicando a máxima presión sobre o Goberno británico”, engadiu, “para que facilite os fondos adicionais que necesitamos tan desesperadamente”.

Comentarios