Acordo de Goberno en Escocia, coa meta de convocar o segundo referendo en 2023

Os Verdes contarán con dous ministros no Executivo de Nicola Sturgeon.
EuropaPress_3890505_20_august_2021_united_kingdom_edinburgh_scottish_green_party_co-leaders
photo_camera Líderes dos Verdes chegando onte á residencia oficial de Sturgeon (Foto: Andrew Milligan / PA Wire)

O Partido Nacional Escocés (SNP) e o Partido Verde Escocés anunciaron esta sexta feira un acordo de Goberno de coalición, que coloca alicerces firmes para un Executivo independentista durante os próximos cinco anos. A actual primeira ministra, Nicola Sturgeon, seguirá á fronte do Gabinete, que contará con dous ministros dos Verdes. Non obstante non será unha coalición típica, xa que os ecoloxistas se reservaron o dereito a funcionar como oposición en nove áreas.

Ambas as dúas formacións avogan por un segundo referendo de independencia, o popularmente coñecido como indyref2. De acordo co pacto asinado, traballarase para que este se produza na primeira metade da lexislatura ─sempre e cando a pandemia da Covid-19 estea superada─, e preferibelmente ante de finalizar o ano 2023.

Outro punto salientábel dentro do acordo é o estabelecemento de delegacións de Goberno en Copenhague e Varsovia, as capitais de Dinamarca e de Polonia, respectivamente. O obxectivo é promover os intereses e a reputación de Escocia nas rexión do Norte e do centro de Europa. 

O SNP conseguiu nas eleccións do pasado maio 64 escanos en Holyrood (o Parlamento escocés de 129), ficando a só un da maioría absoluta, mentres que os Verdes obtiveron 8 asentos nunha cámara con 31 deputados conservadores e 22 laboristas.

Histórica entrada

É a primeira vez que o partido dos Verdes goberna nalgunha das nacións que a día de hoxe compoñen o Reino Unido, incluído tamén o Goberno británico. Neste sentido, o acordo contempla afondar nas medidas contra a crise climática.

A histórica entrada no Goberno "non podía chegar nun momento máis importante. Debemos construír un país máis xusto e caritativo e debemos facer todo o que estea na nosa man para frear o ascenso das emerxencias climática e ambiental, ofrecendo unha transición xusta para todos", sinalou  Patrick Harvie, colíder con Lorna Slater do Partido Verde Escocés.

Críticas do Alba

A respecto do tema do referendo, Sturgeon afirmou que este acordo "fai máis difícil, de feito, imposíbel en termos democráticos, que un Goberno do Reino Unido se resista a que o pobo escocés decida o seu futuro".  

Porén, segundo recolleu The Scotsman, o tamén partido independentista Alba, fundado recentemente polo exlíder do SNP e exprimeiro ministro escocés, Alex Salmond, considera que o pacto adía no tempo a reclamación e convocatoria do indyref2, e critica que se lle dea prioridade a temas como a Lei de Recoñecemento de Xéneros por diante da cuestión constitucional. 

Comentarios