O enviado especial de Trump afirma que só falta resolver unha cuestión para alcanzar un acordo sobre Ucraína

Steve Witkoff e Vladimir Putin reuniranse esta quinta feira.
Vladimir Putin, mandatario ruso, e Steve Witkoff, enviado especial da Casa Branca. (Foto: Gavriil Grigorov / Europa Press / Contacto)
Vladimir Putin, mandatario ruso, e Steve Witkoff, enviado especial da Casa Branca. (Foto: Gavriil Grigorov / Europa Press / Contacto)

O enviado especial da Casa Branca, Steve Witkoff, afirmou esta quinta feira que a resolución das negociacións sobre o conflito ucraíno reducese só á discusión dunha cuestión. "Creo que reducimos o problema a un só tema. Discutimos múltiples enfoques dese tema, o cal me indica que é solucionábel", afirmou.

"Se ambas as partes realmente queren resolvelo, entón resolverase, esa é a miña opinión", indicou o representante do Goberno dos Estados Unidos de América durante o encontro Ukrainian Breakfast, decorrido no marco do Foro Económico Mundial que ten lugar esta semana en Davos (Suíza).

A xornada anterior, o presidente dos EUA, Donald Trump, asegurou na súa intervención en Davos que o acordo de paz entre Rusia e Ucraína está "razoabelmente perto". "Creo que Rusia quere chegar a un acordo. Creo que Ucraína quere chegar a un acordo. E imos tentar chegar a un acordo […] Creo que podo dicir que estamos razoabelmente perto", manifestou.

Con todo, o mandatario estadounidense queixouse de que está a ter problemas para atopar un equilibrio entre a aceptación do acordo por parte de Kiív e Moscova. "O que sucede é que a miúdo temos un acordo con Rusia, Rusia está preparada, e o presidente Zelenski non o está […] E entón temos ao presidente Zelenski que quere chegar a un acordo e Putin non. É un equilibrio moi difícil", sostivo.

Neste contexto, o presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, subiu esta quinta feira nun avión para dirixirse á cidade de Davos, sede do Foro Económico Mundial, para tratar as conversacións destinadas a lograr un acordo de paz con Rusia, despois de que nun primeiro momento fose descartada a súa presenza na Suíza.

Ademais, o presidente de Rusia, Vladimir Putin, manterá esta quinta feira unha reunión co enviado especial de Estados Unidos, Steve Witkoff, segundo confirmou o Kremlin, no marco dos contactos internacionais para lograr un acordo de paz en Ucraína. "Si, podemos confirmalo", dixo o portavoz da Presidencia rusa, Dimitri Peskov.

A reunión con Putin chega un día despois da xuntanza mantida na cidade suíza de Davos entre Witkoff e o representante especial de Putin e xefe do Fondo Ruso de Investimento Directo, Kirill Dimitriev. Witkoff explicou que durante as conversacións avanzouse no acordo para pór fin á guerra e engadiu que "agora se trata dos acordos de territorio", en referencia a posíbeis intercambios de terras que reconfigurarían a fronteira internacional entre Ucraína e Rusia.

Comentarios