Bush ofreceu a Putin que Rusia xogase "un papel único na OTAN" para evitar as tensións pola expansión da alianza militar

Na última reunión entre Putin e Bush, que tivo lugar o 6 de abril de 2008 e foi publicada polo Arquivo Nacional de Seguridade da Universidade George Washington o 23 de decembro, o ruso manifesta unha cuestión que hoxe está no centros de todos os debates, a súa firme oposición á adhesión de Ucraína e Xeorxia á OTAN debido á "ameaza do despregamento de bases militares e novos sistemas militares nas proximidades de Rusia". O organismo publicou esta semana oito novas conversas que tiveron lugar con anterioridade.
George Bush e Vladimir Putin. (Foto: Casa Branca)
George Bush e Vladimir Putin. (Foto: Casa Branca)

O Arquivo Nacional de Seguridade da Universidade George Washington dos Estados Unidos de América publicou esta semana oito novas conversas obtidas a través da Lei de Liberdade de Información (FOIA) entre o entón presidente dos EUA, George Bush, e o seu homólogo ruso, Vladimir Putin.

Estas conversas proban as advertencias realizadas por Putin sobre a preocupación existente en Rusia a respecto da expansión da OTAN en países que pertenceran ao Pacto de Varsovia, un extremo que a alianza militar prometera non realizar durante as negociacións que tiveron lugar no final da Guerra Fría.

Fragmento do documento desclasificado sobre a conversa do o 13 de novembro de 2001 que recolle as persoas que participan polas delegacións de Rusia e dos EUA.
Fragmento do documento desclasificado sobre a conversa do o 13 de novembro de 2001 que recolle as persoas que participan polas delegacións de Rusia e dos EUA.

Neste sentido, os documentos permiten comprobar como Bush, para evitar que esta expansión dexenerase nun aumento da tensión entre as dúas potencias, fixo todo o posíbel para abordar a oposición de Rusia á expansión da OTAN e tratar de chegar a un acordo para que estas anexións á alianza militar se fixesen nun marco acordado e a través dunha alianza entre as dúas partes.

"Con respecto á OTAN, podo dicir que é de interese para a miña nación e para o mundo que se lle dea a Rusia un papel único na OTAN, un papel co que tanto o presidente Putin como nós poidamos sentirnos cómodos", afirma Bush nunha reunión con Putin e outros altos cargos estadounidenses e rusos que ten lugar o 13 de novembro de 2001.

"Non podo falar por todos na OTAN, mais podo falar como os Estados Unidos de América como parte da OTAN. É importante para Rusia contruír unha nova relación coa OTAN", insiste o daquela presidente dos EUA ao seu homólogo.

Nunha conversa telefónica posterior, do 2 de abril de 2002, e que ten lugar antes dunha visita prevista de Bush a Moscova o 27 de maio dese ano para asinar o tratado de redución de armas estratéxicas (o coñecido como tratado Bush-Putin), Putin pide ao estadounidense que quede un día máis en Europa e vaia a Roma, onde poderían inaugurar o Consello OTAN-Rusia (NATO-at-20) antes da cimeira da alianza militar en Praga (programada para novembro de 2002).

Naquela cimeira, a OTAN tomaría unha decisión sobre unha maior expansión, incluíndo aos países bálticos. A frase "NATO-at-20" refírese á idea de que os 19 membros da OTAN (19 membros naquela altura, en 2002, hoxe xa son 32) interactuarían con Rusia en igualdade de condicións como socio. Neste sentido, na chamada, Putin é quen propón "pór en marcha eses mecanismos" para o entendemento e a distensión.

"De feito, sería bo para min se resolvésemos isto antes da cimeira da OTAN en Praga (na que Bulgaria, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Letonia, Lituania e Romanía pasaría a facer parte da alianza)", di Putin. Isto reduciría a tensión e a presión no meu país polo que sería moi bo facelo antes da cimeira en Praga", insiste o líder ruso.

Con todo, esa "relación única" para o entendemento e a distensión nunca se chegou a materializar coa efectividade que Bush e Putin falaran. "Creado en 2002, o Consello OTAN-Rusia nunca funcionou a pleno rendemento. Para Moscova, o tempo transcorrido desde entón só lle serviu para confirmar a súa idea de que está a ser asediado e de que hai un plan maquiavélico para destruíla", escribía en 2016 Jesús A. Núñez Villaverde nunha análise publicada ao respecto do Real Instituto Elcano.

Neste sentido, despois de 2014, xustamente o ano do golpe de Estado do Euromaidan en Ucraína, a OTAN suspendeu a súa cooperación práctica con Rusia, limitándose ao diálogo político. As reunións pasaron a desenvolverse de forma irregular e, xa nos últimos anos, o Consello practicamente deixou de funcionar.

Actualmente suspendido na totalidade, e a súa reanudación é unha das opción que os EUA barallan como parte das negociacións para alcanzar a paz en Ucraína. Con todo, segundo manifestou en 2025 o portavoz do Kremlin, Dimitri Peskov, "está claro que agora mesmo é moi difícil falar dunha reanudación de algún tipo de asociación" xa que, segundo sostivo, "a Alianza do Atlántico Norte está agora mesmo en guerra con Rusia".

Aviso específico sobre Ucraína e Xeorxia

A última reunión entre Putin e Bush, publicada polo Arquivo Nacional de Seguridade da Universidade George Washington o 23 de decembro e que tivo lugar na residencia do ruso en Bocharov Ruchei (Sochi), acontece o 6 de abril de 2008, xusto despois da cimeira da OTAN en Bucarest, onde xurdiron tensións a raíz da campaña estadounidense para convidar Xeorxia e Ucraína a unirse á OTAN.

Sen abandonar a cortesía, os dous líderes das grandes potencias non poden evitar os desacordos. Putin emite no encontro unha explicación da perspectiva rusa sobre o despregamento de defensas antimísiles en Polonia e a República Checa. Bush, pola súa parte, di comprender as preocupacións rusas, mais non cambia de postura.

Con respecto ás conversacións en Bucarest, Putin manifesta unha cuestión que hoxe está no centros de todos os debates, a súa firme oposición á adhesión de Ucraína e Xeorxia á OTAN debido á "ameaza do despregamento de bases militares e novos sistemas militares nas proximidades de Rusia".

"Non debemos substituír o dereito internacional polo dereito da forza"

As transcricións publicadas esta semana tamén inclúen conversacións sobre a invasión estadounidense de Iraq en marzo de 2003. Nelas, Putin oponse á agresión dos EUA, mais sendo cortés ao tratar con Bush o seu rexeitamento para manter unha relación positiva que favorécese o entendemento entre as dúas potencias, intentando manter os pasos cara á distensión nos que traballaban.

"Vostede dixo que o obxectivo [da invasión de Iraq] é un cambio de réxime; con todo, isto non está previsto na Carta das Nacións Unidas nin no dereito internacional... O máis importante, e xa o mencionei, é que non debemos substituír o dereito internacional polo dereito da forza", comenta Putin en marzo de 2003 ao norteamericano nun debate que hoxe está máis de actualidade que nunca.

Comentarios