Un socio de Jaume Roures compra a montaxe "Presos Políticos" e oferécella ao Macba

Socio de Roures en Mediapro, o empresario Tatxo Benet asegura ter mercado "por menos de 80 mil euros" a colección de fotografías "Presos políticos na España contemporánea", despendurada de ARCO nun caso de evidente censura con trasfondo político.

Junqueras-Sanchez_EDIIMA20180221_0143_19
photo_camera Oriol Junqueras e Jordi Sànchez

A censura da montaxe non tería sido posíbel sen o voto a favor da comunidade de Madrid, dirixida por Cristina Cifuentes (PP), un dos tres componentes de IFEMA, a entidade que organiza ARCO. Os outros parceiros son o concello de Madrid -contrario ao desmantelamento da obra- e a cámara de comercio. IFEMA decidiu reclamar a retirada da obra á galerista Helga de Avear -o selo que apresentaba en ARCO a peza de Santiago Rivas- por considerar que opacaba o resto de coleccións presentes na exposición. Manuela Carmena pediu a IFEMA que se reunise de urxencia para reconsiderar a decisión. Cifuentes mantivo a posición e Helga de Avear dedidiu despendurar as fotografías.

A historia outorgou unha enorme visibilidade á obra de Rivas e conseguiu xusto o efeito contrario do que en teoría perseguía o IFEMA: eclipsou totalmente a feira.

A obra pasa agora a ser propiedade do empresario Tatxo Benet -socio de Jaume Roures, magnate da comunicación que está no ponto de mira das pesquisas da Garda Civil pola súa pretensa condición de cerebro do procés-, quen, en declaracións a Catalunya Radio, afirma ter mercado a obra por menos de 80.000 euros [o seu prezo de saída, 96.000 euros con IVE].

Benet asegura que, por mediación dun galerista catalán, tomou a decisión de mercar a colección antes de saber que fora retirada. Ficou moi contente, declarou, coa compra unha vez consumado o que cualifica como acto de censura.

A ideia de Benet é oferecer a obra ao Macba -o grande contenedor de arte contemporánea de Barcelona- ou a calquer outra galería que estea disposta a pendurala nas súas paredes.

Para o empresario, é "intolerábel, escandaloso e inexplicábel" que nun estado democrático se practique a censura.

A operación de desmantelamento das instantáneas dos presos políticos fica, alén do máis, sen pais e nais políticos. O PP -por meio do ministro portavoz Méndez de Vigo- distanciouse da decisión do IFEMA e reivindicou a liberdade de expresión. A liña discursiva do PP e de Cs é basicamente que a censura é contraproducente porque dispara o impacto mediático da obra silenciada. O PSOE tentou tamén rectificar o aval que a súa portavoz no Congreso, Margarita Robles, ofereceu á retirada da obra das galerías de ARCO.
 

Comentarios