Secuestro dun libro, prisión para un rapeiro e, para completar o trío, censura dunha obra artística en Madrid que denunciaba a existencia de presos políticos no Estado español. Todo en apenas 24 horas. A Feira de arte contemporánea ARCO retirou a obra “Presos políticos españois contemporáneos” do artista Santiago Sierra. Ifema, onde se desenvolve a actividade, solicitou a retirada da obra. O monarca español, Filipe VI, inaugura esta quinta feira o evento artístico.
A obra consta de 24 retratos pixelados de activistas, xornalistas e políticos encarcerados. Entre eles, o independentista galego Carlos Calvo, que figura como “Preso político nº71”. Canda el, Oriol Junqueras, Jordi Cuixart e Jordi Sánchez, xornalistas do diario Egin, os titiriteiros encarcerados en Madrid en 2016, mozos vascos militantes da organización xuvenil Segi, o activista do SAT Andrés Bódalo ou os 8 integrantes do colectivo ecoloxista [email protected]s que sabotearon as obras do encoro de Irati (Nafarroa) en 1996.
A serie, que veu por primeira vez a luz nos números 1 e 2 de El Salto, consta de 24 retratos valorados en 80.000 euros. Segundo Europa Press, antes de ser expostos ao público, os retratos xa foron retirados e vendidos.
Santiago Sierra declara que a retirada da súa obra dana “a imaxe” de ARCOMadrid e lamenta “o clima de persecución” que hai no Estado español. O artista defendeu que, embora traxectorias vitais e políticas moi distintas, as 70 persoas retratadas partillan “ser persoas encarceradas por tentar facer públicas e efectivas as súas ideas sen ningún tipo de violencia”.
O Concello de Madrid opúxose á retirada desta obra e pediu de ARCO unha "rectificación urxente".