EMA di que en AstraZeneca hai máis beneficios que riscos malia atopar "posíbel relación" entre a vacina e casos de trombos

Establece que estes acontecementos adversos deben figurar na lista de efectos secundarios "moi raros" da vacina
Caixa con varias doses da vacina de AstraZeneca. (Foto: GVA)
photo_camera Caixa con varias doses da vacina de AstraZeneca. (Foto: GVA)

O comité de seguridade da Axencia Europea do Medicamento ( EMA, polas súas siglas en inglés) concluíu  que existe unha "posíbel relación" entre a vacina de AstraZeneca contra a Covid-19 e os coágulos sanguíneos con niveis baixos de plaquetas.

Por iso, estableceu que estes acontecementos adversos deben figurar na lista de efectos secundarios "moi raros" da vacina. Iso si, tamén defendeu que os beneficios de se vacinar eran maiores que os riscos.

A xefa do Comité de Avaliación da  EMA, Sabine Straus, sinala que se rexistraron 18 mortes entre os casos de tromboses comunicados, 169 cerebrais e 59 abdominais, "entre millóns de vacinados". "Son efectos secundarios moi raros da vacina", manifestou. 

Straus explica que aínda non se pode determinar a orixe do efecto secundario pero relaciónao cunha resposta inmune. "Non hai medidas para reducir os riscos", di. "Non podemos concluír que a idade e o xénero sexan determinantes", salienta, malia que se deron máis frecuentemente en mulleres novas. 

A EMA alerta os profesionais da saúde e as persoas vacinadas da posibilidade que sufran uns casos extremadamente raros de  coágulos de sangue combinados con niveis baixos de plaquetas no sangue, durante as dúas semanas despois de ser administrada a vacina.

En consecuencia, a EMA deixou aos países a responsabilidade de restrinxir ou non o seu uso en determinados grupos de idade, como fixeron Alemaña, Países Baixos ou Estonia, que limitaron a súa administración a maiores de 60 anos. Reino Unido anunciou, ao mesmo tempo que a  EMA detallaba os resultados da súa última avaliación, que tentará evitar administrar esta vacina aos menores de 30 anos.

"Calquera decisión nacional sobre o uso óptimo nas campañas de vacinación tamén terá en conta a situación da pandemia en calquera país individual, e outros factores como a hospitalización e a dispoñibilidade de vacinas", apuntou  a EMA. "As autoridades nacionais poden decidir como queren vacinar e con que tipo de vacina", engadiu respecto diso a xefa do comité de seguridade da  EMA ( PRAC, polas súas siglas en inglés).

Con todo, o comité de seguridade da  EMA solicitou "novos estudos e modificacións dos que están en curso para proporcionar máis información e tomará calquera outra medida necesaria". Da mesma forma, vai esixir a  AstraZeneca que analice a fondo estas tromboses a través de ensaios clínicos.

Comentarios