Elon Musk comeza os despedimentos masivos en Twitter: Traballadores denuncian que foron cesados "sen avisar"

O multimillonario pretende reducir entre 50% e 75% o cadro de persoal.
Logo de Twitter. (Foto: Europa Press)
photo_camera Logo de Twitter. (Foto: Europa Press)

O magnate estadounidense Elon Musk exerce xa como máximo dirixente de Twitter, e a súa primeira medida é o despedimento masivo de persoal que xestiona a rede social. Así, na madrugada da quinta feira os traballadores e traballadoras foron avisados de que esta sexta feira será cando se lles comunique se continúan ou non na empresa.

En concreto, e segundo apuntan varios medios estadounidenses, non será até as 9 horas (17 horas na Galiza), cando o persoal reciba a notificación sobre a súa continuidade. Así, aqueles que sigan recibirana no correo electrónico da empresa, mentres que o aviso de despedimento chegaralle aos traballadores e traballadoras ao seu correo persoal.

Porén, centos de profesionais vinculados a Twitter denunciaron nas últimas horas nas redes sociais que estes ceses xa terían comezado sen previo aviso. Moitos deles explican que se decataron do seu despedimento cando quixeron acceder aos seus correos corporativos e viron que tiñan o contrasinal modificado ou mesmo a conta eliminada.

Pola súa parte, Twitter argumentou que esta medida, xunto coa de fechar temporalmente as oficinas e anular as tarxetas de identificación do persoal, foi tomada “para axudar a garantir a seguridade de cada empregado, así como os sistemas de Twitter e os datos dos clientes".

Recortes no persoal e nas infraestruturas

Segundo informou The Washington Post, a intención do magnate é despedir entre 50 e 75% do cadro de persoal da empresa, tal e como o propio Musk lle trasladou aos investidores da compañía nunha reunión desenvolta o pasado mes de outubro.

A propia compañía xa contaba con prescindir de parte dos seus traballadores e traballadoras debido ás circunstancias económicas; porén, e con base na mesma información, nos seus plans non entraba despedir o que serán case tres cuartas partes do total, isto é, unhas 5.500 persoas das máis de 7.500 que ten en nómina.

Os recortes anunciados por Musk, ademais, non só afectarían as e os empregados, senón tamén á infraestrutura de Twitter e os centros de datos que permiten o funcionamento da rede social, polo que tamén se verían prexudicados os millóns de persoas usuarias, debido ao "risco de posíbeis hackeos e exposición maior a material ofensivo".

Comentarios