A primeira medida de Elon Musk após comprar Twitter: despedir 75% do persoal

O magnate ten un ambicioso proxecto para converter a rede social en 'X', unha "aplicación para todo" semellante á 'WeChat' chinesa.
Elon Musk fixo unha oferta que rolda os 44.000 millóns de dólares. (Foto: Karl-Josef Hildenbrand / DPA)
photo_camera Elon Musk fixo unha oferta que rolda os 44.000 millóns de dólares. (Foto: Karl-Josef Hildenbrand / DPA)

O magnate estadounidense Elon Musk prevé recortar o cadro de persoal de Twitter en perto de 75% se finalmente toma o seu control. Así llo trasladou, segundo informa o xornal The Washington Post, aos investidores da compañía nunha recente reunión.

A propia compañía xa contaba con prescindir de parte dos seus traballadores e traballadoras debido ás circunstancias económicas; porén, e con base na mesma información, nos seus plans non entraba despedir o que serán case tres cuartas partes do total, isto é, unhas 5.500 persoas das máis de 7.500 que ten en nómina.

Os recortes anunciados por Musk, aliás, non só afectarían as e os empregados, senón tamén á infraestrutura de Twitter e os centros de datos que permiten o funcionamento da rede social, polo que tamén se verían prexudicados os millóns de persoas usuarias, por mor do "risco de posíbeis hackeos e exposición maior a material ofensivo".

Elon Musk ten como data máxima para fechar a adquisición da compañía o próximo 28 de outubro. En caso contrario, o asunto podería acabar nos tribunais. A oferta presentada polo magnate sería duns 54,2 dólares por acción, o que suporía perto de 44.000 millóns de dólares.

X, o futuro de Twitter?

O obxectivo final desta compra sería o desenvolvemento dun ambicioso proxecto de Musk, consistente en artellar unha rede social "multiusos" que el mesmo deu en denominar 'X, a aplicación para todo'.

Se ben aínda non desvelou demasiada información ao respecto, o empresario estaría a valorar con este proxecto dar un salto a Twitter semellante ao que deu na China a aplicación WeChat, que pasou de ser unha ferramenta de mensaxería a unha 'mini-Internet' que cada día utilizan máis de mil millóns de persoas.

Esta 'app para todo', do mesmo modo que podería selo no futuro o mesmo Twitter, ofrece desde as funcionalidades básicas dunha aplicación deste estilo como falar con amizades ou ler noticias até pedir un taxi ou comprar comida e roupa a domicilio.

Comentarios