Elon Musk fecha a compra de Twitter "polo futuro da civilización"

Musk prevé recortar o cadro de persoal en perto de 75%.
Elon Musk. (Foto: Europa Press)
photo_camera Elon Musk. (Foto: Europa Press)

O magnate estadounidense Elon Musk confirmou esta quinta feira o feche da compra da rede social Twitter por un total de 44.000 millóns de euros. Nun vídeo subido na súa conta, Musk ensina como entrou nas oficinas da compañía asegurando que fai a transacción “polo futuro da civilización”.

En realidade, o dono de Tesla e SpaceX, entre outras, estaba obrigado a realizar a compra por orde xudicial. Unha xuíza estabelecera un prazo para que Musk finalizase o proceso de adquisición de Twitter. Un prazo que remataba esta sexta feira.

No caso de que Musk non levase a cabo a compra, Twitter xa anunciara que levaría o magnate dos EUA aos tribunais, despois de que este intentase reducir o prezo inicialmente pactado e mesmo se botase atrás na compra da rede social.

O obxectivo final desta compra sería o desenvolvemento dun ambicioso proxecto de Musk, consistente en artellar unha rede social "multiusos" que el mesmo deu en denominar 'X, a aplicación para todo'.

Primeira medida á fronte de Twitter

Segundo informou A, a primeira medida de Elon Musk como dirixente de Twitter será recortar o cadro de persoal en perto de 75%, tal e como el mesmo trasladou aos investidores nunha recente reunión.

A propia compañía xa contaba con prescindir de parte dos seus traballadores e traballadoras debido ás circunstancias económicas; porén, e con base na mesma información, nos seus plans non entraba despedir o que serán case tres cuartas partes do total, isto é, unhas 5.500 persoas das máis de 7.500 que ten en nómina.

Os recortes anunciados por Musk, aliás, non só afectarían as e os empregados, senón tamén á infraestrutura de Twitter e os centros de datos que permiten o funcionamento da rede social, polo que tamén se verían prexudicados os millóns de persoas usuarias, por mor do "risco de posíbeis hackeos e exposición maior a material ofensivo".

Comentarios