mércores 14/04/21

Eleccións nos Estados Unidos: O control da Casa Branca encamíñase aos tribunais

A cidadanía dos EUA votou na terza feira nas presidenciais, mais o próximo inquilino da Casa Branca podería tardar en coñecerse. A igualdade mantense nos Estados que xa foran decisivos en 2016: Pensilvania, Michigan e Wisconsin. Igualdade que Trump, tal e como leva tempo ameazando, usa para cuestionar a validez do proceso.
EuropaPress_3412522_03_november_2020_us_detroit_member_of_the_detroit_department_of_elections
Un membro do Departamento Electoral de Detroit (Michigan) conta votos anticipados na terza feira (Jim West / Zuma)

O peor dos escenarios confirmouse. Tras a xornada electoral desta terza feira nos Estados Unidos (madrugada da cuarta na Galiza), non hai un gañador claro. Como no ano 2000, de cando a batalla entre o republicano George W. Bush e o demócrata Al Gore, a situación indica que o próximo inquilino da Casa Branca será determinado pola xustiza. Daquela, o Tribunal Supremo ─amplamente controlado agora por unha maioría conservadora─ deu a vitoria ao primeiro en Florida por 537 votos e, polo tanto, tamén a maioría no Colexio Electoral, que reúne os compromisarios elixidos en cada Estado en relación ao seu número de poboación.

O Colexio Electoral ten previsto reunirse o próximo 14 de decembro para facer a votación oficial por un ou outro candidato. A Constitución estadounidense estipula claramente que o mandato do presidente debe arrincar o 20 de xaneiro, mais a lexislación tamén afirma que, antes, os Estados teñen que ter dirimido calquera controversia ou problema co resultado electoral antes do 8 de decembro.

Dúbidas sobre o proceso

O actual presidente dos EUA e candidato do Partido Republicano, Donald Trump, tíñao claro desde hai tempo. Na noite electoral, a súa primeira entrada no Twitter foi: "Estamos a subir moito, mais están tratando de roubar as eleccións. Non llelo permitiremos facer nunca". Os votos non poden ser emitidos despois de fecharen os colexios electorais!". Unha mensaxe na liña do sostido desde hai semanas en relación ao voto anticipado e por correo.

O medo ao coronavirus levou a un voto masivo, por riba dos 100 millóns de sufraxios, previo á xornada electoral. Contar estas papeletas require un período de tempo adicional, mais o presidente proxecta a sombra da dúbida sobre este proceso, falando de votos ilegais malia a ausencia de datos reais que avalen a acusación. Unha situación que pode xerar un conflito de maiores dimensións, xa non só nos tribunais, senón a pé de rúa, tendo en conta o momento álxido de polarización na sociedade. 

O que parece cada vez máis evidente é que Trump e o seu equipo de avogados chegarán aos tribunais se o resultado final non lle é favorábel, co fin de que sexan invalidados os votos por correo non introducidos na urna antes de fecharen os colexios ─algo que se contempla en varios Estados─. Mais do lado demócrata tamén haberá unha intensa acción legal, precisamente para todo o contrario. En xogo está a Presidencia dos Estados Unidos de América.

Tres Estados

En calquera caso, tal e como se prevía e tal e como sucedeu en 2016, serán os Estados do denominado Rust Belt ("Cinto de Ferruxe", xa que unha vez foi motor industrial, e na actualidade está parado tras anos de decadencia) os que decanten a balanza: Michigan, Wisconsin e Pensilvania. De feito, o principal argumento de Joe Biden para ser designado candidato demócrata foi que sería quen de os recuperar e, polo tanto, recuperar tamén a Casa Branca. A Biden ─oriúndo de Pensilvania─ pode que lle chegue con gañar un. Ou dous. Pode mesmo que precise dos tres. En calquera caso, o sino del ─e mais de Trump─ pasa por esta terna de territorios.

Nunha entrevista onte na CNN, o fiscal xeral de Pensilvania, Josh Shapiro, chamou á paciencia dos electores mentres o Estado finaliza de contar os votos. Afirmou que se terá unha "imaxe máis clara" ao final do día (madrugada de hoxe na Galiza), ao tempo que alertou que os resultados finais chegarán "a finais da semana". Trump avantaxaba onte a Biden neste Estado en máis de 600.000 votos, mais era o demócrata o que lideraba ─pola mínima─ en Wisconsin e Michigan.  

A incerteza, polo tanto, será a tónica nos vindeiros días. O peor dos escenarios, non só pola disputa que se poida producir xudicialmente ─ou mesmo socialmente─, senón tamén a nivel económico. Onte agardábase con expectación como evolucionaría a bolsa. Onde xa se deixou notar a situación é na China, onde o iuan offshore (o CNH, o permitido para o comercio libre nos mercados de divisas estranxeiras) chegou a caer 1,4%, o maior descenso desde febreiro de 2018.

O Partido Demócrata mantería o control da Cámara Baixa; o Senado, mantense en xogo

Os demócratas manteñen de momento vantaxe na Cámara baixa, mentres que, de momento, se mantén un empate no Senado, segundo datos ofrecidos na tarde de onte por The New York Times

Segundo o reconto do periódico, os demócratas fixéronse por agora con 191 escanos na Cámara de Representantes, fronte a 183 os republicanos e faltan por determinar 64 para completar os 435. A maioría está en 218 deputados. Antes das eleccións, os demócratas tiñan 232 deputados da Cámara, que cada dous anos renova a totalidade dos seus escanos. O control demócrata da Cámara baixa serviu de contrapeso ao poder de Donald Trump nos últimos dous anos do seu mandato.

En canto ao Senado, onde están en xogo 100 escanos, por agora hai un empate a 47 senadores, a falta de designar seis.

comentarios