mércores 14/04/21

Os dez Estados para chegar á Casa Branca

O candidato do Partido Demócrata á Casa Branca, Joe Biden, lidera as enquisas nacionais e tamén as dos Estados "bisagra". Non obstante, as diferenzas son mínimas en moitos destes territorios chave, o que podería levar a un resultado moi axustado tal e como aconteceu hai catro anos na vitoria de Donald Trump.
EuropaPress_3409978_01_november_2020_us_new_york_voters_cast_their_ballots_in_voting_center
Nalgúns Estados como o de Nova York, na imaxe o domingo, pódese emitir o voto de forma anticipada (Michael Brochstein / ZUMA Wire)

En 2016, Donald Trump converteuse no quinto presidente dos EUA que chegou á Casa Branca gañando o voto electoral, mais perdendo o voto popular. Por que? Porque a súa rival naqueles comicios, Hillary Clinton, logrou contundentes vitorias en Estados con gran poboación, como California ou Nova York, mentres que Trump se fixo co triunfo en catro Estados por unha marxe mínima de arredor de 1%. Concretamente, Clinton conseguiu case tres millóns de votos populares máis que Trump, mais 74 votos electorais menos.

O feito de que o sistema electoral estadounidense sexa indirecto é o que fai imprevisíbel o que poida acontecer nas eleccións presidenciais. Hoxe, primeira terza feira logo da primeira segunda feira de novembro, a cidadanía que aínda non emitiu o seu sufraxio por correo poderá facelo en urna.

Até hoxe xa votaran máis de 95 millóns de persoas (hai catro anos, a participación presencial e por correo fora de 136,5 millóns). O censo electoral é de 239 millóns, que é o total de persoas que teñen dereito a voto no caso de terse rexistrado antes para votar (outra peculiaridade do sistema estadounidense). É evidente que a epidemia da Covid tivo un forte peso no medre do voto por correo.

Vermellos e azuis

Cada un dos electores marca na papeleta o binomio, presidente-vicepresidente, por quen vota, mais en realidade o que está a elixir son os compromisarios en cada Estado, que serán os que voten por un ou outro candidato. A cifra vén determinado polo número de habitantes. No total nacional de 538, cómpre un mínimo de 270 para ser presidente. 

Ademais, o que gaña nun Estado ─aínda que, como en 2016, sexa por menos de 1% de diferenza─ faise con todos os compromisarios. As excepcións a esta regra son Nebraska e Maine, onde o gañador do voto popular logra dous compromisarios e o resto vai para o que venza por distritos.

Por iso desde hai días, medios e analistas políticos veñen centrando a información nos chamados Estados "bisagra" ou "columpio", aqueles que tradicionalmente ─ou circunstancialmente nestes comicios, segundo as enquisas─ non se decantan maioritariamente por ningún dos dous partidos maioritarios. É dicir, non son Estados "vermellos" (republicanos) ou "azuis" (demócratas).

A CNN sinala oito destes Estados "bisagra". Pensilvania, onde ambos os candidatos focalizaron as últimas horas da campaña; Wisconsin, onde actualmente hai un importante surto da Covid; Florida, cunha batalla polo voto nas áreas residenciais; Georgia, onde o último demócrata en gañar foi Bill Clinton, na década de 1990; Carolina do Norte, onde a participación do electorado negro é chave; Iowa, que os demócratas daban por perdido; Arizona, onde houbo un grande incremento da poboación; e Ohio, historicamente un Estado "columpio".

Tamén Politico apunta oito Estados, mais inclúe Minnesota e Michigan e deixa fóra Iowa e Ohio. En Minnesota, que vota demócrata desde 1976, as enquisas dan unha importante vantaxe a Biden, mais fóra da área de Minneapolis-Saint Paul (onde se produciu a morte de George Floyd, que desencadeou en maio as protestas contra os abusos policiais e o racismo institucionalizado), o apoio a Trump continúa a ser amplo. En Michigan tamén as sondaxes dan vantaxe aos demócratas. 

Unha presa de votos

A vitoria do actual presidente dos EUA na maioría destes Estados hai catro anos foi chave para a súa chegada á Casa Branca. A derrota nalgúns deles sería moi significativa da evolución no resto. Por exemplo, Arizona tan só se decantou por un candidato demócrata desde 1964, e Georgia non o fai desde 1992.

Os catro onde o triunfo republicano foi máis axustado foron: Michigan, con 0,23% de diferenza (10.704 votos), que non votara republicano desde 1988; Pensilvania, con 0,72% (44.292), tamén demócrata desde 1988; Wisconsin, con 0,77% (22.748), onde non gañaba un republicano desde 1984 e os demócratas dábano por tan seguro que Clinton non o visitou en toda a campaña; e Florida, con 1,20% (112.911), quintaesencia dos Estados "columpio", apoiando tres veces aos demócratas e tres aos republicanos desde 1996, e que ademais ten unha grande importancia polo seu peso poboacional e de compromisarios: 29, os mesmos que Nova York ─que será demócrata─. Por riba están Texas, con 38 ─con moita probabilidade, republicano─ e California, que é o que máis compromisarios elixe, 55, e será demócrata.

Pulo do independentismo en Porto Rico

As dúas principais formacións políticas en Porto Rico, a gobernante Partido Novo Progresista (PNP) e o Partido Popular Democrático (PPD), na oposición, parten como favoritas nas eleccións xerais que se desenvolven hoxe. Ademais, tamén se elixe o representante ─sen dereito a voto─ da illa caribeña ante o Congreso estadounidense e realizarase unha consulta non vinculante sobre o status do país con respecto aos EUA, a terceira nunha década.

O candidato a gobernador do Partido Independentista Portorriqueño (PIP), Juan Dalmau, afirmou na clausura da campaña, o domingo, que a cidadanía adquirira maior conciencia política desde os sucesos do verán de 2019, que levaron á dimisión do entón gobernador tras dúas semanas de protestas masivas nas rúas deste Estado asociado dos EUA. 

Dalmau manifestou que recibe con responsabilidade a confianza do electorado, e asegurou que o apoio "nunca antes visto" ao colectivo independentista demostra un cambio na conciencia política do país. O PIP avoga por un plan económico sustentábel que busca distribuír os ingresos e as riquezas para lograr mellor educación e acceso á saúde.

comentarios