A cidadanía estadounidense vota nun sistema que apuntala o bipartidismo

Está previsto que os últimos colexios electorais fechen ás 5 horas da madrugada galega desta terza á cuarta feira.
EuropaPress_3412010_03_november_2020_us_albuquerque_man_casts_his_vote_at_privacy_booth_inside
photo_camera Un colexio electoral en Albuquerque, principal cidade de Novo México (Jim Thompson / dpa)

EUA acudiu hoxe ás urnas para elixir o presidente do país para os vindeiros catro anos, nuns comicios igualados (os colexios electorais fecharán nesta madrugada na Galiza), tras unha campaña fortemente polarizada, nunha sociedade marcada polos conflitos raciais e a violencia nas rúas, e no medio dunha epidemia de Covid que provocou a morte de 231.000 persoas, un quinto do total a nivel mundial. 

Máis de 100 millóns de persoas exerceran o seu dereito ao voto nos días previos, ben por correo ben de forma presencial, segundo as regras de cada Estado. Estes sufraxios poderían converterse en fonte de conflito nos vindeiros días, tras as ameazas do actual presidente e candidato do Partido Republicano, Donald Trump, de que serían fonte de "fraude". En calquera caso, todo parece indicar que a cifra de participación será histórica.

Precisamente, os chamamentos a non ficar na casa e ir votar foron constantes desde as filas do candidato do Partido Demócrata, Joe Biden, xa que consideran que esta foi unha das causas da derrota hai catro anos de Hillary Clinton. Tanto Biden como Trump pasaron as últimas horas antes da apertura dos colexios facendo campaña en Estados dos chamados "bisagra", chaves para a resultado final.

Trump, tras un derradeiro mitin en Michigan, interviu por teléfono en Fox News e augurou unha gran vitoria en Arizona e Florida. Biden visitou a súa cidade de nacemento, Scranton, en Pensilvania. Alí prometeu pór o país en pé: "A clase medida construíu este país, non foi Wall Street".

"Voto útil"

As enquisas a nivel nacional daban unha clara vantaxe a Biden, mais hai unha igualdade maior nos Estados que poden decidir o resultado final. No sistema electoral estadounidense, os votantes deciden a nivel dos Estados un número de representantes. Son os chamados votos electorais, diferentes do voto popular. Cada Estado ten un número fixado pola súa poboación. Por exemplo, California é o que máis ten, con 55, seguido de Texas, 38, e Nova York e Florida, que contan con 29 cada un.

O candidato que consegue máis sufraxios en cada Estado suma todos os votos electorais; o resto de candidatos, ningún. Isto empuxa ao "voto útil" e a desbotar outras opcións diferentes á demócrata e á republicana que se ven como inviábeis. Á súa vez, isto provoca que cada vez menos partidos alternativos se presenten aos comicios e que se perpetúe o sistema bipartidista.

Nos Estados chave, a clausura dos colexios estaba prevista para (todos, horarios galegos):  as 1 horas en Georgia; as 1.30 horas en Carolina do Norte e Ohio; as 2 horas en Florida e Pensilvania; e as 3 horas, en Texas, Michigan, Wisconsin e Arizona. Estes son os Estados onde se decide o próximo inquilino da Casa Branca, tendo en conta que nalgúns como Ohio a data límite para recibir o voto por correo ─que non para emitilo─ é o 13 de novembro.

Comentarios