ELECCIÓNS DEPARTAMENTAIS EN FRANZA

EH Bai bate con comodidade o Frente Nacional de Le Pen nun cantón de Iparralde

A candidatura abertzale conseguiu o apoio de todas as formacións democráticas e republicanas.

Alain Iriart EH Bai

Concluíron este domingo as eleccións departamentais en Franza. EH Bai, o referente da esquerda abertzale en Iparralde (os territorios vascos baixo xurisdición francesa), conseguira na primeira rolda un inédito e histórico 16% dos votos, o que lle deu dereito a disputar a segunda volta até en 5 cantóns. Pois ben, naquel no que realmente tiña opcións de vitoria -o de Errobi-Aturri- EH Bai bateu este domingo 29 de marzo, e con comodidade, o Frente Nacional de Le Pen, co que disputaba a praza.

A marca da esquerda abertzale conseguiu o triunfo ao reunir non só os votos nacionalistas, senón tamén os sufraxios das formacións republicanas e progresistas, que usaron a papeleta de EH Bai como dique de contención face o avanzo do ultradireitista FN.

En Errobi-Aturri elexíanse dous escanos, un foi para o abertzale Alain Iriart e o outro para a independente, que partillaba candidatura con EH Bai, Fabienne Ayensa, alcaldesa de Beskoitse. A candidatura nacionalista basca obtivo o 78,05% dos sufraxios.

Nas outras catro circunscricións nas que EH Bai concorreu nesta segunda volta, a formación abertzale conseguiu percentaxes de voto sen precedentes, nalgúns casos no entorno do 40%, mais non conseguiu facerse coas actas.

As formacións republicanas e progresistas usaron a papeleta de EH Bai como dique de contención face o avanzo do ultradireitista FN

EH Bai formouse en 2013 como fusión de Abertzaleen Batasuna, Eusko Alkartasuna e Batasuna, esta última organización política da esquerda abertzale nunca foi ilegalizada en Franza ao non ser aquí de aplicación a Lei de Partidos.

Vitoria de Sarkozy

No conxunto do Estado francés, as candidaturas da direita lideradas por Sarkozy obtiveron un cómodo triunfo, co 45,2 % dos votos. A unha distancia sideral ficou o Partido Socialista, castigado polo seu eleitorado por practicar políticas de austeridade. A formación de Hollande e Valls apenas conseguiu o 31,9% dos sufraxios, en moitas circunscricións após unir canda el o voto de formacións da esquerda non socialdemócrata.

Mentres, o Frente Nacional amosou o seu potencial ao apañar o 22,3% dos votos.

Foto: Alain Iriart e Fabienne Ayensa (Naiz).

Comentarios