O drama en Turquía e Siria continúa: As mortes polos terremotos ascenden a 22.375

Durante a madrugada, os servizos de emerxencia continuaron rescatando persoas de debaixo dos entullos perto de 100 horas despois dos sismos.
Tarefas de rescate en Latakia, Siria (Foto: Stringer / Xinhua News / ContactoPhoto).
photo_camera Tarefas de rescate en Latakia, Siria (Foto: Stringer / Xinhua News / ContactoPhoto).

O presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdogan, informou esta sexta feira de que só no seu país morreron 18.991 persoas por mor dos terremotos rexistrados na fronteira sur con Siria, onde as vítimas mortais ascenden a 3.384, sendo o total xa de 22.375.

Pola súa parte, a Autoridade de Xestión de Desastres e Emerxencias (AFAD), dependente do Ministerio do Interior, detallou que o número de feridos ascende xa a 74.242, segundo recolleu a axencia estatal turca de noticias, Anatolia.

Durante a madrugada, os servizos de emerxencia continuaron rescatando persoas de debaixo dos entullos perto de 100 horas despois dos sismos, unha tarefa cada vez máis complicada debido a que o tempo estándar que un ser humano pode permanecer sen a inxesta de auga ou comida en desastres como este é de 72 horas.

Mentres continúa o traballo dos servizos de emerxencia, as autoridades turcas prometeron tomar medidas contra a neglixencia na construción de vivendas, xa que se sospeita que a mala edificación das mesmas influíse no elevado número de mortes.

O Ministerio de Asuntos Exteriores de Turquía comunicou que un total de 97 países ofreceron asistencia e que os equipos de procura e rescate doutros 61 participan nas tarefas nas zonas afectadas.

En total, sobre o terreo hai unhas 6.810 persoas colaborando procedentes doutras nacións.

A situación en Siria

Pola súa parte, os sismos deixaron case 3.384 persoas mortas e 5.200 feridas en Siria, segundo as cifras que ofrecen as autoridades sanitarias do Goberno de Bashar ao Assad.

Comentarios