Documentos desclasificados dos EUA proban a intervención de Nixon para intentar evitar a Presidencia de Allende en Chile

O ex presidente dos EUA, Richard Nixon, reuniuse co dono do diario chileno El Mercurio, Agustín Edwards, no marco das operacións instrumentadas para evitar que o líder socialista Salvador Allende asumise a presidencia do Estado suramericano.
O ex presidente do EUA, Richard Nixon, saudando desde a limusina presidencial (Foto: Bernd Schüttke).
photo_camera O ex presidente do EUA, Richard Nixon, saudando desde a limusina presidencial (Foto: Bernd Schüttke).

O ex presidente dos EUA, Richard Nixon, reuniuse co dono do diario chileno El Mercurio, Agustín Edwards, no marco das operacións instrumentadas para evitar que o líder socialista Salvador Allende asumise a presidencia do Estado suramericano, para a que foi elixido en setembro de 1970.

Así o indican documentos desclasificados polo Goberno dos EUA publicados esta semana polo sitio Ciper. Segundo revelan dous arquivos que se deron a coñecer, Nixon reuniuse con Edwards na Casa Branca o 15 de setembro de 1970, só unhas horas antes de que ordenase á Axencia Central de Intelixencia (CIA) dos Estados Unidos intervir en Chile.

O segundo documento dá conta dun encontro entre o titular do medio e axentes da CIA, no que informou as exixencias de militares chilenos dispostos a participar no complot. Os documentos foron incluídos na nova versión do libro Pinochet desclasificado, de Peter Kornbluh, actualizado e relanzado esta semana para conmemorar os 50 anos do golpe de Estado ocorrido o 11 de setembro de 1973. A reunión entre Nixon e Edwards, revelada recentemente agora, non foi rexistrada na axenda oficial da Casa Branca, mais si na axenda interna do presidente.

Por outra parte, si se coñecía sobre un encontro entre o director do xornal, falecido en 2017, e o entón director da CIA, Richard Helms, para solicitar o apoio dos EUA. para unha acción militar que evitase que Allende asumise o mando no pazo presidencial da Moeda. Tamén se tiña coñecemento de que El Mercurio recibiu financiamento da CIA na década de 1970 e que foi utilizado como un medio de propaganda para xerar inestabilidade no Executivo de Allende.

Intervencionismo da Casa Branca

Desde a chegada ao poder a través do voto popular do presidente socialista chileno Salvador Allende (1970–1973), o Goberno dos EUA asumiu un papel fundamental no proceso que culminou cun violento golpe de estado contra o mandatario, encabezado polo ditador Augusto Pinochet (1973-1990), do que en setembro se cumprirá medio século.

Mesmo antes de que Allende asumise, o 4 de novembro de 1970, Washington tentou evitar custe o que custe un Goberno de esquerda nunha rexión na que, en plena Guerra Fría, foron perseguidas as ideas progresistas ou revolucionarias, co apoio máis ou menos explícito do Goberno dos Estados Unidos de América.

A Casa Branca negou esta cuestión por moito tempo, mais nos últimos anos a revelación de documentos desclasificados daquela época deixaron en evidencia que o intervencionismo dos EUA e a súa Doutrina de Seguridade Nacional, impulsada polo entón presidente Richard Nixon, foron claves para poñer fin aos 1.000 días de Goberno de Allende en Chile.

Comentarios