Foi envelenado Pablo Neruda pola ditadura de Pinochet?

"A Neruda eliminárono en Chile. Quen? Non o sabemos aínda, pero tiveron que ser axentes do Estado", apunta o seu sobriño, seguindo a teoría exposta hai anos polo chofer do poeta, que tamén dubidaba da súa suposta morte por cancro, só 12 días despois da toma do poder pola forza de Augusto Pinochet.
O poeta chileno Pablo Neruda. (Foto: Keystone Pictures)
photo_camera O poeta chileno Pablo Neruda. (Foto: Keystone Pictures)

A familia do poeta e político chileno Pablo Neruda, que faleceu no ano 1973 como consecuencia, supostamente, dun cancro de próstata avanzado, asegura agora que foi envelenado por "axentes do Estado" dun Chile controlado daquela pola ditadura de Augusto Pinochet.

O avogado e sobriño do escritor, Rodolfo Reyes, atopou no ano 2017 na osamenta de Neruda unha "gran cantidade de clostridium botulinum", unha bacteria patóxena capaz de provocar o botulismo, unha enfermidade causada por unha toxina que ataca os nervios do corpo.

"Iso nunca debeu de estar na osamenta, no corpo de Neruda, e iso foi inxectado. Entón, como avogado, faime dicir que a Neruda eliminárono en Chile. Quen? Non o sabemos aínda. Iso vaise a saber, e por suposto que tiveron que ser axentes do Estado", apunta Reyes, en declaracións á Cadena Ser, lembrando que o poeta era un importante líder de opinión en 1973 e, polo tanto, "era un perigo público para" o ditador Pinochet.

O escritor chileno, que entón formaba parte do Comité Central do Partido Comunista, morreu aos 69 anos, o 23 de setembro de 1973, menos de dúas semanas despois do golpe de Estado que derrocou o presidente socialista Salvador Allende.

Neruda e Allende mantiveron correspondencia durante varios anos, chegando a intercambiar unhas 15 cartas. "Querido Salvador: non fun felicitarte porque estiven felicitándome. Supoño que desbaratamos a conspiración. Isto proba que hai que pegarlles forte. Xa virá o momento", celebraba o poeta, nunha misiva datada de 1970, no momento en que o histórico dirixente socialista gañara as eleccións.

Manuel Araya, o chofer e asistente persoal de Pablo Neruda, desmentiu en reiteradas ocasións que o motivo do seu falecemento fose un cancro e afirmou tamén que foi "asasinado" polo réxime de Pinochet (1973-1990).

Aliás, un grupo de forenses xa sinalou en 2017 que o premio Nobel de Literatura non faleceu de cancro, tal e como informaron inicialmente as autoridades, o que abre a posibilidade a outras hipóteses como a do seu asasinato por envelenamento.

Comentarios