Dez cuestións a ter en conta á hora de se achegar ás eleccións de hoxe en EUA

Dos ‘votos electorais’ por estados ás tendencias que apuntan as enquisas, pasando polas razóns de que 1 de cada 4 estadounidenses en idade de votar non poida facelo;  os outros candidatos á presidencia que non son nin Trump nin Biden ou por que, aínda que perda, Trump seguirá a gobernar 3 meses máis.  
Estados Unidos eleccións Trump Biden KEVIN DIETSCH - POOL VIA CNP ZUMA PRESS CONTAC Only For Use In Spain
photo_camera Trump e Biden nun debate electoral (foto: Kevin Dietsch / Europa Press)

1) Só compiten Trump ou Biden? 

Ademais do actual presidente, Donald  Trump, e do ex-vicepresidente e candidato demócrata, Joe  Biden, existen máis de 1.200 cidadáns que se rexistraron para competir pola presidencia dos Estados Unidos

Existen outros dous candidatos a ter en conta á presidencia, pois situáronse con boletas abondo para competir en todos os estados de EUA. Son Joanne Jorgensen, candidata do Partido Libertario (non se engane: nada a ver co sentido que en Europa ten libertario) e Howie Hawkins, cofundador do Partido Verde. 

En 2016 os 'libertarios' obtiveron máis de 4 millóns de votos. O seu programa combina o ultraliberalismo económico (eliminar o imposto sobre a renda, finiquitar o gasto público...), coa despenalización das drogas ou a fin da presenza de tropas de Estados Unidos no estranxeiro.

O Partido Verde, pola súa banda, pide a cobertura sanitaria pública e gratuita, así como un sistema de ensino amplo e de calidade e que no seu tramo superior (universitario)  non sexa unha barreira para os estudantes de clase traballadora polo seu custo económico. Demanda aumentar o salario mínimo, defende o Green New Deal e promete a aboliciación da pena de morte. O seu candidato, H. Hawkins, veterano activista sindical e medio ambiental, aposta por un ingreso mínimo para todos os cidadáns de EUA.

2) Cando se inviste o novo presidente? 

Historicamente as eleccións celébranse a primeira terza feira de novembro cada catro anos, é dicir, nesta ocasión, en 3 de novembro. Pero de calquera modo, o mandato de Donald Trump permanecerá con todos os seus poderes intactos até o 20 de xaneiro de 2021, data fixada para a investidura do gañador destes comicios. En caso de gañar Joe Biden, sería nomeado presidente electo até entón, pero mentres tanto non tería capacidade executiva. 

3) Como funcionan as eleccións presidenciais? 

Hai cincuenta estados nos Estados Unidos, cada un cun número de "votos electorais" asignados segundo a poboación. Esta vez, por exemplo, en California haberá 55 votos en xogo, en Texas 38, en Florida 29 e en estados máis pequenos como Alaska ou Arkansas terán 3 e 6 respectivamente.  

O candidato que obtén máis votos nun estado mete todos os "votos electorais" dese estado no seu peto. Nada fica para o contrincante. Esta norma, que se xustifica formalmente como destinada a evitar que os grandes centros urbanos acumulen un poder desproporcionado, permitiu que Trump xurase como presidente embora Hillary Clinton o superou en máis de tres millóns de votos.  Ademais de entón, isto sucedeu tamén en 2000 e tres veces no século  XIX. 

Esta regra (todos os votos electorais para o gañador) aplícase en 48 dos 50 estados, fóra Maine e  Nebraska onde a  repartición dos votos electorais/delegados faise en proporción ao voto popular de cada candidato. 

O gañador das eleccións é o primeiro en obter 270 votos electorais. Os delegados electorais son electos cada catro anos polos partidos políticos nos seus estados. Normalmente faise durante as convencións de cada partido e os procesos de selección varían segundo cada estado.  Usualmente, estas persoas son lexisladores estatais, líderes dos partidos e doantes. 

4) Cal é a orixe deste sistema electoral? 

O Colexio Electoral existe desde 1787 cando os pais da constitución estadounidense debatíanse entre establecer un sistema que definise o presidente por voto popular ou por elección do Congreso. O Colexio Electoral é unha fusión entre ambos os dous.

 Voces que defenden este sistema din que se creou para darlle máis representación aos estados pequenos con menos poboación. “Se as persoas elixen directamente o presidente entón grandes estados como  California controlarían basicamente a elección presidencial”, asegurou  Akram  Elias, presidente do Grupo Capital  Comunications, en conferencia virtual co Departamento de Estado. 

Porén, o profesor  Akhil Reed Amar, sinala que o Colexio Electoral creouse para protexer os estados do sur que apoiaban a escravitude. “Nun sistema de elección directa (unha persoa, un voto), os estados do sur perderían as eleccións todo o tempo porque unha gran porcentaxe da súa poboación eran escravos e os escravos non podían votar”. 

5) Que pasa se ningún candidato gaña a maioría dos votos electorais?  

Se ningún candidato recibe a maioría dos votos electorais, a votación presidencial queda a cargo da Cámara de Representantes. Os seus membros elixen o gañador entre os tres candidatos principais. O Senado elixe o vicepresidente entre os dous candidatos principais restantes.

Isto só sucedeu unha vez. En 1824, a Cámara de Representantes elixiu John Quincy Adams como presidente. 

6) Que son os ‘swing states’ e en que hai que se fixar neste momento? 

En case todos os estados, Trump ou Biden xa teñen unha sólida maioría, pero hai algúns, chamados " swing states", onde a vitoria non está clara para ningún dos dous. Este tipo de estados adoitan inclinar a balanza e xa foron decisivos nas eleccións de 2016: Hillary Clinton perdeu seis onde gañara Barack Obama en 2012 e onde tamén ela esperaba gañar. Foron Florida e cinco estados historicamente demócratass situados na rexión dos Grandes Lagos (Iowa, Michigan, Ohio, Pensilvania e Wisconsin). 

Segundo expertos e enquisas, as eleccións deste ano tamén se decidirán nestes seis estados, ademais de Arizona, Xeorxia e Carolina do Norte, onde Trump gañou hai catro anos mais agora basculan nas enquisas entre el e Biden 

7) Por que 1 de cada 4 estadounidenses en idade de votar non pode facelo? 

En Estados Unidos, o sistema federal outorga competencia a cada estado para determinar os prazos e a maneira en que os cidadáns poden votar. Factores como as datas límites para rexistrarse, a posibilidade de votar por adiantado ou por correo, ou a documentación necesaria para votar, varían segundo cada Estado e poden afectar de maneira importante ao número de votantes nunha elección determinada. 

En EUA, ao contrario que moitos países, rexistrarse é un proceso obrigatorio e necesario para votar. É así en todos os estados agás Dakota do Norte, onde non é preciso.  O proceso é complexo e os requirimentos para rexistrarse cambian segundo o Estado no que se reside.  

O resultado deste sistema de rexistro, cualificado no seu día de “pouco preciso, caro e ineficiente” por un estudo do centro de análise  PEW, é que un 24% da poboación en idade para votar (máis de 51 millóns de persoas) continúa sen estar rexistrado e, por tanto, non pode participar nas eleccións. 

8) Que din as enquisas? 

Este ano as enquisas están no punto de mira. Hai catro anos déronlle unha marxe de catro a cinco puntos a Hillary Clinton, que finalmente perdeu por 232 votos fronte aos 306 de Trump. 

Esta vez a vantaxe que prevén en Biden é maior. Segundo un dos portais máis consultados, Five Thirty Eight, que promedia as enquisas máis cualificadas, Biden ten agora un 9% de marxe sobre Trump ao votar a nivel federal. A vitoria tamén sería para Biden na maioría dos estados bisagra: 

Agás en Arizona, Ohio e Xeorxia, a mesma media de enquisas deu a vitoria a Clinton en todos estes estados. Os expertos din que esta vez perfeccionaron os métodos, pero a confianza nas súas previsións caeu en picado tras a sorpresa de hai catro anos. 

9) Cando saberemos o resultado das eleccións? 

Normalmente, os resultados son coñecidos durante a noite electoral: dado o funcionamento do sistema de votación electoral, o perdedor das eleccións normalmente recoñece a derrota bastante antes de que se complete o reconto. 

Hai catro anos, o camiño de Trump cara á Casa Branca aplanouse considerabelmente ás dúas e media da mañá (hora do Estado español), cando se fixo evidente que gañara en Florida. Ás sete e media, a situación xa parecía definitiva: tiña 264 votos electorais e se gañaba nalgún dos estados bisagra onde aínda duraba o reconto, era presidente. Clinton resistiuse a chamalo para admitir a derrota até as sete e media, mais o resultado xa era claro. 

Desta volta, as cousas poden ser moi diferentes. A pandemia forzou o despregamento dun dispositivo sen precedentes para facilitar o voto por correo, non sen os obstáculos do presidente Trump, que sinalou en varios momentos que isto implicaría fraude.  

A elección aínda non se realizou e só mediante voto por correo, xa se contou máis da metade dos votos rexistrados no reconto global das últimas eleccións. Xeralmente pénsase que é un bo sinal para Biden. 

Espérase que a enorme cantidade de votos por correo retrase considerabelmente o reconto, até o punto de que varios expertos advirten á xente de mentalizarse non só para levantarse sen saber quen gañou, senón para non sabelo durante uns días, até que os estados clave completen o reconto de votos por correo. 

10) Tamén hai eleccións de senadores e representantes: que importancia teñen? 

As eleccións presidenciais atraen todo o protagonismo, pero ao mesmo tempo celébranse eleccións lexislativas que xogarán un papel fundamental nos dous primeiros anos do presidente que se elixa, porque dependerá do apoio parlamentar que poida ter para promover as súas iniciativas. 

Por unha banda, estanse a votar os 435 escanos da Cámara de Representantes, actualmente controlados polos demócratas. Na cámara, os asentos de cada estado son proporcionais á súa poboación.  

Por outra banda, sométese a votación un terzo dos 100 senadores (dous por cada estado, independentemente da poboación). Ambas cámaras forman o Congreso dos Estados Unidos, que ten, entre outras cousas, o poder de aprobar leis, regular o comercio, lanzar investigacións e graduarse do orzamento público.  

Os poderes da Cámara e do Senado son os mesmos agás algunhas excepcións, porque o obxectivo da dualidade congresual é equilibrar exclusivamente o poder de todos os estados, como no caso dos "votos electorais". 

Comentarios