Detidos os tres supostos autores intelectuais do asasinato de Marielle Franco: un deputado, un comisario e un funcionario

A Policía Federal arrestou o deputado dereitista, Chiquinho Brazao, ao comisario retirado, Rivaldo Barbosa, e a Domingos Brazao, que integra o Tribunal de Contas de Río.

Concentración en São Paulo en protesta polo asasinato de Marielle Franco (Foto: Fábio Vieira / Fotorua / Zuma Press).
photo_camera Concentración en São Paulo en protesta polo asasinato de Marielle Franco (Foto: Fábio Vieira / Fotorua / Zuma Press).

Logo de 14 meses de investigación e numerosas dificultades, este domingo, 24 de marzo, a Policía Federal de Brasil detivo tres persoas sospeitosas de ordenar o asasinato de Marielle Franco, activista e concelleira de esquerda asasinada o 14 de marzo de 2018 en Río de Janeiro.

Un deputado federal, o ex xefe da policía de Río de Janeiro e un funcionario ligado á Gobernación foron arrestados por ser os supostos autores intelectuais do asasinato da concelleira Marielle Franco do Partido Socialismo e Liberdade (PSOL), xurdida como activista social nunha favela onde gañou fama por denunciar ás “milicias” paramilitares e rexeitar a intervención das Forzas Armadas.

Seis anos e dez días despois do asasinato político máis resonante da década pasada, perpetrado por membros desas “milicias” historicamente vinculadas con Jair Bolsonaro axentes da Policía Federal (PF) detiveron este domingo o deputado federal da agrupación dereitista Unión Brasil, Chiquinho Brazao, o comisario retirado, Rivaldo Barbosa, e a Domingos Brazao que integra o Tribunal de Contas de Rio.

Os tres foron delatados polo ex policía, Ronnie Lessa, un dos sicarios mellor pagos do país e autor confeso do atentado que custou a vida de Marielle e a súa chofer, Anderson Gomes.

“É un domingo de moita dor, pero tamén un día para que se faga xustiza”, estas foron hoxe as palabras de Marinete Silva, a nai da concelleira Marielle Franco. Marinete falou emocionada na principal canle de noticias de Brasil, pouco despois de coñecer a noticia da detención dos sospeitosos de ordenar un crime que tivo unha repercusión mundial.

“A maior sorpresa de todo isto foi o nome de Rivaldo. A miña filla confiaba nel, no seu traballo”, afirma Marinete. O comisario Rivaldo recibiu á familia de Marielle o día despois do asasinato e prometeu resolver o enigma. “El dixo que era unha cuestión de honra esclarecer este caso. Cando che pasa algo así cunha autoridade que debería facer o seu traballo, é aínda máis difícil”, engade a nai de Marielle.

Comentarios