Avanza a ofensiva sobre as ONG palestinas

Co estabelecemento da Autoridade Palestina, tomou o relevo de denunciar, internamente e no mundo, a violación de dereitos humanos producida no marco da ocupación israelí. A sociedade civil é o Exército sen armas que combate o apartheid padecido polo pobo palestino, o que a converte nun obxectivo militar para Israel nesta guerra.
addameer_graffiti
photo_camera Graffiti en lembranza dos presos da ONG Addameer, na localidade Halhul, ao norte de Hebrón (Foto: Addameer)

"Xúrolle por Deus que son inocente", declaraba onte por videoconferencia Juana Ruiz, a cooperante española encarcerada desde o pasado 13 de abril, acusada de colaborar con "organizacións terroristas". Facíao diante do tribunal militar que leva o seu caso e que debía decidir sobre a petición de prisión domiciliaria presentada pola defensa. 

"Non creo que sexa aínda o momento", sinalou o xuíz, que asegurou que o valorará no futuro "se o xuízo non avanza significativamente", despois de seis meses de prisión preventiva, incluídas catro semanas en réxime de illamento na prisión de Ha Sharon, ao norte de Tel Aviv.

O 6 de maio, tras case un mes detida, foi acusada de cinco cargos formais, relacionados co seu traballo recadando fondos para a ONG Health Work Committees (HWC). Israel considera que mediante "fraude" conseguiu e facilitou acceso a grandes sumas de diñeiro doadas desde Europa con destino á Fronte Popular de Liberación de Palestina (FPLP), organización política que as autoridades israelís ─e a UE─ consideran "terrorista". 

Ruiz, de 62 anos, compareceu de forma telemática desde a prisión de Damon, na cidade de Haifa, ao norte de Israel, onde está actualmente recluída. Á vista de onte, no tribunal da prisión militar de Ofer, no territorio ocupado de Cisxordania, acudiron Rismawi e a filla de ambos, María, ademais dunha avogada do seu equipo de defensa e dunha representación do consulado español de Xerusalén, segundo informou a principal axencia de noticias española.

"Proselitismo" da FPLP

O 3 de novembro está prevista unha sesión de mediación penal, á que acudirá en persoa Juana Ruiz. Alí, fiscalía e defensa negociarán posíbeis acordos e abordarán medidas cautelares como o arresto domiciliario. Será unha sesión á marxe do xuízo, polo que non será vinculante, aínda que o tribunal podería ter en consideración o acordado polas partes.

O Shin Beit, o servizo de intelixencia interior israelí que levou a cabo a investigación, considera que a través de "proxectos ficticios" ou "documentos falsos" Ruiz e outros tres membros de HWC recadaron unha gran suma de diñeiro usada para axudar as familias dos militantes da FPLP, para recrutar novos membros e para facer proselitismo en Gaza e nos territorios ocupados de Cisxordania e de Xerusalén Leste, segundo un comunicado recollido por The Times of Israel.

Vangarda da causa

O operativo contra esta organización enmárcase na ofensiva que as autoridades israelís están a levar a cabo nos últimos tempos contra a sociedade civil palestina. Unha "campaña sistemática" que se remonta a décadas atrás, segundo explicou en Al Jazeera a analista Yara Hawari, do laboratorio de ideas independente Al Shabaka. 

Tras o estabelecemento da Autoridade Palestina na década de 1990, baixo os Acordos de Oslo, as ONG asumiron o rol de denunciar e facer fronte á ocupación israelí. "As organizacións da sociedade civil emerxeron como a vangarda da causa palestina, que foi o que as puxo no punto de mira de Israel", relatou Hawari, que sinalou a connivencia de certas organizacións non gobernamentais coas autoridades israelís "para difamar as ONG palestinas que traballan polos dereitos humanos".

O pasado 22 de outubro, o ministerio de Defensa israelí designou seis ONG palestinas como "organizacións terroristas": Addameer (apoio legal aos presos), Al-Haq (documentación das violacións de dereitos humanos por ambas as partes), Bisan (desenvolvemento socioeconómico), Defense for Children International (DCI, protección da infancia), Union of Agricultural Work Committees (UAWC, desenvolvemento agrícola) e Union of Palestinian Women’s Committees (UPWC, feminista).

Israel acúsaas, con base na lei antiterrorista de 2016, de formar "unha rede de organizacións que actúan de forma clandestina internacionalmente" en representación da FPLP. Esta organización marxista-leninista deuse a coñecer internacionalmente en setembro de 1970 despois de levar a cabo o secuestro case simultáneo de varios avións de pasaxeiros que voaban desde Europa aos Estados Unidos.

Heraldo do apartheid

De Europa, concretamente da UE, e mais dos EUA chegaron declaracións exixindo a Israel explicacións pola ilegalización. Porén, no caso do país norteamericano, as autoridades israelís responderon que Washington fora informado con anterioridade da decisión, segundo recolleu onte o diario israelí Haaretz

Ademais, a Alta Comisionada de Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Michelle Bachelet, cualificou de "ataque inxustificado" a decisión de Israel. Nun comunicado na terza feira asegurou que algunhas destas ONG son das máis "respectábeis" en materia de dereitos humanos e que traballaron durante décadas coa ONU.

As seis entidades emitiron un comunicado asegurando que os intentos de silencialas non triunfarán. Onte recibiron o apoio de representantes da sociedade civil israelí, nunha xuntanza na sede de Al-Haq en Ramallah. 

Alí estivo tamén presente a directora de Addameer, Sahar Francis. "Somos un obxectivo desde hai anos, por unha razón: estamos logrando mudar o paradigma arredor do mundo falando de apartheid, e non só de ocupación, e estamos a facilitar material á Haia", sinalou en declaracións á israelí +972 Magazine

Insólita censura dos EUA a novas colonias

Dentro do cruce de declaracións e desmentidos entre EUA e Israel no marco da ilegalización das seis ONG, Washington realizou unha insólita crítica ao seu histórico aliado nas últimas horas. A Casa Branca manifestou a súa oposición ao plan de expansión dos asentamentos de colonos israelís en Cisxordania, afirmando que dana "as expectativas dunha solución de dous Estados". Ademais, censurou a intención de legalizar retroactivamente postos de vixilancia irregulares. "Estamos fondamente preocupados", sinalou Ned Price, portavoz do Departamento de Estado. 

Comentarios