Dando nos fuciños a Daniel Defoe: Escocia podería declarar a independencia o 24 de marzo de 2016

O 18 de setembro de 2014 as e os escoceses decidirán en referendo se queren ser ou non un estado independente. De votar si, a independencia proclamaríase o 24 de marzo de 2016, segundo anunciou o goberno escocés. Xusto 309 anos despois da 'Act of Union', o acordo para o que traballara de espía pro-inglés o autor de Robison Crusoe, Daniel Defoe

Colante pola liberdade da Escocia
photo_camera Colante pola liberdade da Escocia

24 de marzo de 1707: Asinábase a Act of Union, acordo polo que se fixaban e establecían os termos da unión de Inglaterra e Escocia aprobada por senllos parlamentos. Para uns, unha integración. Para outros, unha anexión. Daniel Defoe, que ademais do autor de 'Robinson Crusoe' estivo en 1706 en Edimburgo como axente secreto para facer todo o posible para que se asinara a unión con Inglaterra recoñecía: “De cada 50 escoceses que me atopo, como moito un apoia a unión”.

24 de marzo de 2016: Escocia declarará a súa independencia. Farao se no referendo do 18 de setembro de 2014 as e os escoceses optan por esta opción. Nesa consulta preguntaráselles se queren que Escocia sexa independente e se constitúa en estado. Poderán votar os maiores de 16 anos. Se gaña o non, a vella Alba seguirá a formar parte de Gran Bretaña, como desde 1709. Se a vitoria é do si, a folla de ruta xa está trazada: o 24 de marzo de 2016, 19 meses despois do referendo, o Parlamento escocés proclamará a independencia. E en maio realizaranse as primeiras eleccións para escoller o parlamento da Escocia independente.

En maio de 2016 realizaranse as eleccións para escoller o parlamento da Escocia independente

O 24 de marzo de 2016 é a data que se recolle no Libro branco sobre a independencia, un documento de case 700 páxinas que quer explicar, informar e dar resposta a todas as preguntas sobre o presente e o futuro do proceso soberanista que vive esta vella nación celta. O libro vai ser presentado esta terza feira en Glasgow polo goberno escocés (SNP).

Nicola Sturgeon, vice-ministra especial de Escocia, afirma que este documento é unha “guía” na que se dan datos e estudos sobre a viabilidade dunha Escocia independente, para alén de informar sobre como se declararía a independencia, como serían as negociacións no período de transición.

Enquisas

Enquisas e sondaxes sobre a independencia son constantes en Escocia. Hainas, como a máis recente, de The Scotsman, que sitúan o apoio a un estado escocés no 38%, mentres que un 47% son partidarios se seguir a formar parte de Gran Bretaña.

Comentarios