INTERNACIONAL

"Unha solución sería buscar un sistema de garantías para Ucraína; a entrada na OTAN non está prevista"

"Unha solución sería buscar un sistema de garantías para Ucraína; a entrada na OTAN non está prevista"

Míriam González Francisco é xornalista especializada en Rusia e o espazo pos soviético e colaboradora do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi). 'Nós Diario' conversa con ela sobre a guerra desatada en Ucraína a raíz da invasión rusa do pasado 24 de febreiro e das súas causas e consecuencias futuras.
Míriam González, nunha visita á cidade ucraína de Odesa (Foto: Nós Diario).
photo_camera Míriam González, nunha visita á cidade ucraína de Odesa (Foto: Nós Diario).

O pasado 24 de febreiro as tropas rusas invadiron Ucraína por mandato de Vladímir Putin. Como se chegou á situación actual?

Para comprender o que pasa agora deberiamos remontarnos a 2013, cando comezaron as manifestacións do Euromaidán, que foron unha mestura de manifestacións pro europeístas, contra a corrupción e onde houbo tamén certos elementos vinculados coa extrema dereita que tomaron protagonismo e relevancia. E ao final houbo un cambio de goberno, o presidente Viktor Yanukovich, que gañara as eleccións de forma democrática, foi deposto, e moita xente dentro do país considerouno un golpe de Estado, polo que se produciron bastantes protestas internas.

O Goberno que saíu de aí, antes de que fose elixido presidente Petro Poroshenko, tomou medidas impopulares, logo sucedeu o conflito de Crimea e despois as manifestacións foron moi duramente reprimidas en Donetsk e Luhansk. Cómpre lembrar que nestas zonas houbo moitos traballadores rusos na época da Unión Soviética, e contan cun comopñente industial importante. Eles consideraban que un posíbel achegamento á UE deixando de lado Rusia sería prexudicial. En 2015 asináronse os famosos Acordos de Minsk, que non se cumpriron e a guerra seguiu no Donbás. O Exército ucraíno seguiu combatendo moi duramente a poboación civil da rexión, que tamén sufriu moito estes oito anos, e penso que é importante comprender esa parte.

Rusia insistiu estes anos en cumprir, sobre todo, a parte política dos acordos, para dar autonomía a estas rexións e facer eleccións alí, porque hai que lembrar que esta xente até agora non estivo votando nas eleccións de Ucraína. Chegou un punto no que Rusia considerou necesario tomar unha decisión consecuente, que intentou a través da vía diplomática, e de feito o pasado 23 de decembro presentou a súa proposta de garantías de seguridade, que supuñan unha mudanza na arquitectura da seguridade en toda Europa. Mais non se chegou a un acordo diplomático, Putin recoñeceu a independencia de Donetsk e Luhansk e chegamos a esa declaración de guerra contra toda Ucraína.

Putin insiste en que se trata dunha "operación para desmilitarizar Ucraína". Supón realmente este país, ou podería supor no futuro, unha ameaza para a seguridade de Rusia?

Vou falar da percepción que eles tiñan, que creo que é importante. Putin dixo en outubro que pode ser que Ucraína non acabe entrando na OTAN, algo que recoñeceron os propios dirixentes ucraínos, mais advertiu que o desenvolvemento militar da Alianza si estaba a ter lugar en Ucraína, e iso é unha ameaza para a Federación Rusa.

Rusia sempre se opuxo a todas as expansións da OTAN e a que seguise achegándose ás súas fronteiras, porque a consideran unha organización ofensiva que vai contra eles e que o seu obxectivo é Rusia, aínda que non foi así sempre, xa que mesmo nos anos 90 falárase da posibilidade de que Rusia entrase na OTAN, mais estabamos noutro momento histórico. Hai que ter en conta que Rusia se sentiu humillada por Occidente cando se desfixo a URSS, e que leva tempo alertando do seu malestar. Pero isto, evidentemente, non xustifica o que está a pasar, porque non ten xustificación ningunha. Eu limítome a falar da percepción que tiña Rusia de Ucraína.

O Kremlin propuxo unha serie de condicións para pór fin á guerra que pasarían por renunciar a Crimea e o Donbás e garantir a neutralidade de Ucraína. Podería ser esta unha solución ao conflito ou, en caso contrario, que se podería lograr pola vía diplomática?

Está prevista unha reunión moi importante en Turquía [esta quinta feira] entre os ministros de Exteriores de ambos os países, Dmitro Kuleba [Ucraína] e Serguéi Lavrov [Rusia]. O Kremlin busca a neutralidade de Ucraína, e este pode ser un bo momento para que Kíiv negocie esta baza. Volodimir Zelenski [o presidente de Ucraína] ten un discurso neste sentido no que se pode chegar a falar de neutralidade. Esta terza feira o seu partido, Servidor do Pobo, dixo nun comunicado que ante a súa soidade no conflito están recibindo armamento, mais só están a combater os ucraínos.

Tendo en conta que para entrar na OTAN terían que pasar até quince anos, como eles mesmos recoñeceron, igual habería que buscar un sistema de garantías para Ucraína, e neste senso falaron de Turquía e os EUA, mais evidentemente Rusia debería comprometerse tamén. Pode ser unha boa solución, mais non sei se ambos os países están dispostos a aceptar iso. Cando menos xa está a haber contactos directos para abordar cuestións como os corredores humanitarios, e eu destaco iso. Ninguén pensa que unha semana despois do inicio da guerra vaian sentar a falar e arranxalo todo.

Zelenski dixo que se podería falar de como podería vivir a xente de Crimea e o Donbás pero nada máis, e en certa maneira é lóxico tendo en conta como vai a campaña militar, que non está a ser tan rápida como se prevía a pesar da diferenza de forzas entre os exércitos. Moitos analistas militares sinalan erros estratéxicos de Rusia e tamén se sorprenden pola resistencia ucraína, pero en calquera caso os custos en termos de poboación civil e infraestruturas son enormes. E vemos, principalmente en Mariupol, o terríbel de padecer a guerra.

Algunhas persoas expertas afirman que a Unión Europea e a OTAN sairán máis cohesionadas desta guerra. Comparte vostede esta visión?

É evidente que a UE depende da OTAN en cuestións de seguridade. A pesar de haber unha unión económica e intentar tamén a política, as cuestións de Defensa e xestións de Exteriores terminan sendo decisións de cada estado. Si vimos unidade e contundencia nos últimos días, mais a cuestión é canto tempo seguiremos así, porque todas as sancións a Rusia, sobre todo no sector enerxético, causarán danos na poboación. E xa están subindo os prezos, temos problemas como o do aceite de xirasol, que deixaremos de importar...

Eu destacaría o papel que xogará Polonia nesta nova Europa, que será improtante pola boa relación cos EUA e pola súa tradicional posición anti-Moscova, comprensíbel pola visión que teñen da súa historia. Pero aínda é moi cedo para falar de todo iso. Cando empecen a chegar as facturas das sancións verémolo. Non me atrevería aínda a xulgar se Europa vai saír desta máis unida, e de feito nese sentido son pesimista. A xente naturalmente é moi solidaria co pobo ucraíno, pero se as familias empezan a ver que non poden prender a calefacción, como dixo hoxe [por esta cuarta feira] Josep Borell...

Europa ten aínda unha forte dependencia de Rusia, iso fai ineludíbel a escalada de prezos que xa estamos a vivir?

É bastante complicado porque tamén fechou o espazo aéreo e proponse agora que os barcos rusos non atraquen na UE. Son medidas que están tomando pola urxencia da situación, pero hai que ser moi cautos. Viñamos xa dun pretexto inflacionista grande no mundo; o prezo dos alimentos xa se estaba disparando e agora vai ser brutal... No momento no que haxa un movemento social como foi o dos chalecos amarelos en Francia os gobernos terán que decidir. E xa vimos como actuou a UE con Ucraína, que no Euromaidán prometeu e prometeu e antes de que Putin decidise atacar Ucraína e iniciar esta guerra terríbel, que por riba de todo está a sufrir o pobo ucraíno, tampouco se preocupou moito do país.

Os EUA teñen reservas propias de petróleo e están separados por dous mares, polo que tampouco experimentarán a chegada de migrantes como Europa, onde tamén temos os que proceden de Siria ou Afganistán. O trato que se dá en ambos os casos deixa moito que desexar e di moito dos valores que pretendemos trasladar ao mundo.

comentarios