Cristina de Borbón: entre ''o meu pai fíase de min'' e ''eu confiaba no meu marido''

A infanta española prestou declaración durante máis de 6 horas nos Xulgados de Mallorca en relación co caso 'Noos' e 'Aizoon', deitando as responsabilidades sobre Urdangarin. O avogado de Cristina dixo sobre a comparecencia xudicial que “non podía ir mellor”.

cristina borbón infanta
photo_camera Foto: TVE

Centos de xornalistas de todo o mundo acreditados para ver a Cristina de Borbón (sétima na liña de opción á xefatura do Estado no Reino de España) entrar nos Xulgados de Mallorca, imputada por blanqueo de diñeiro e fraude fiscal. A infanta chegou en coche ás portas do Xulgado e marchou do mesmo xeito, esquivando así os centos de persoas (desde manifestantes anti-corrupción a simples curiosos) que se deran cita na contorna do edificio xudicial.

A filla menor do Borbón contestou con evasivas e negando calquera participación ou responsabilidade en 'Nóos' ou 'Aizonn', Evasivas, silencios ou ignorancia eran as súas cartas ante as probas ou indicios que o xuíz lle presentaba. “Eu confío no meu marido” foi a súa resposta en máis dunha ocasión. Fontes xudiciais citadas polos medios españois sinalan que “o 95% das respostas eran non sei, non me consta ou que confiaba no seu marido”.

Na pregunta sobre o préstamo de 1,2 millóns de euros que lle fixo o Borbón para mercar o palacete en Barcelona, Cristina sinalou que “o meu pai confía en min”. A infanta respondeu ás preguntas do xuíz Castro, do fiscal Anticorrupción e ás da avogacía do Estado, mais non ás acusacións.

Indicou que soubo da advertencia que lle fixo o seu pai a Urdangarín en 2006, mediante o conde de Fontao, para que deixase as actividades no Instituto Nóos, mais atribuíunas a unha cuestión estética e de imaxe da Casa Real e por iso non lle deu importancia.
 

Comentarios