A Policía de Haití mata catro presuntos asasinos do presidente Moïse

A Policía de Haití continúa co enfrontamento cos sospeitosos do asasinato do presidente Jovenel Moïse, catro morreron e dous foron detidos. A medida que pasan as horas aparecen máis informacións do magnicidio, o asalto deuse con armas de gran calibre e os asasinos entraron na casa do presidente identificándose como axentes da DEA.
O presidente Jovenel Moïse nunha imaxe de arquivo. (Foto: Twitter Jovenel Moïse)
photo_camera O presidente Jovenel Moïse nunha imaxe de arquivo. (Foto: Twitter Jovenel Moïse)

Catro dos presuntos autores do asasinato do presidente de Haití, Jovenel Moïse, morreron no enfrontamento coas forzas policíais a pasada madrugada, mentres que dous foron capturados, segundo informou o director da Policía Nacional de Haití, León Charles.

“A Policía bloqueou a estrada que podería permitir a fuxida dos mercenarios” e entón comezou o tiroteo, explicou Charles, que incidiu en que o enfrontamento continúa, “serán mortos ou capturados”, apuntou.

Na rolda de prensa, o primeiro ministro interino, Joseph Claude, salientou que “esta barbarie non quedará impune”, así como asegurou que “todo está baixo control” ao tempo que facía un chamamento a calma, un día despois da declaración do estado de sitio para facilitar a procura dos culpábeis.

O asasinato na madrugada da cuarta feira do presidente de Haití, Jovenel Moïse, desatou a indignación en América e no Caribe, ademais da condena da ONU e organizacións rexionais como a Comunidade do Caribe (Caricom), os presidentes do continente emitiron infinidade de declaracións de dolo.

Asalto con armas de gran calibre

Co paso das horas vai aparecendo nova información sobre o acontecido, o xuíz de paz adxunto de Pétion-Ville, Carl Henry Destin, adiantou ao principal periódico do país, Le Nouvelliste, que Moïse recibiu 12 impactos de balas de gran calibre.

O grupo armado tamén atou a un dos gardas de seguridade e a unha empregada, mentres que a filla da parella presidencia agochouse na habitación do seu irmán. Martine Moïse, muller do falecido presidente, foi ferida de bala no ataque e se atopa nun hospital de Florida, nos EUA, onde está estábel, indicou o primeiro ministro interino.

As primeiras entrevistas cos sobreviventes do ataque revelaron que os asaltantes entraron na casa identificándose como axentes da Administración de Control de Drogas nos EUA (DEA) no medio dunha operación, extremo confirmado nun vídeo publicado no Miami Herald dos primeiro intres do asalto. A DEA conta cunha oficina en Puerto Príncipe para asesorar o Estado en temas de narcotráfico.  

Claude tamén informou na comparecencia pública que o grupo armado que asaltou a residencia do presidente Moïse falaban en inglés e castelán, mentres que a poboación do país usa o creol haitiano e o francés.

Porén, o ministro de Cultura e Comunicación, Pradel Henriquez, fixo pública a presenza de haitianos entre os asaltantes.

Comentarios