A Corte Suprema da India avala a fin da autonomía de Caxemira

Modi acabou co status especial do territorio en 2019.
O primeiro ministro indio Narendra Modi. (Foto: Kabir Jhangiani / Europa Press / Contacto)
photo_camera O primeiro ministro indio Narendra Modi. (Foto: Kabir Jhangiani / Europa Press / Contacto)

Tras un xuízo que se estendeu desde agosto, a Corte Suprema da India sentenciou hoxe que a decisión do Goberno de Narendra Modi en 2019 de acabar coa autonomía de Caxemira e dividila en dous territorios baixo administración federal é legal, detallando que o status especial da rexión era temporal e que “entregou a súa soberanía completa” ao entrar na India tras a independencia do Reino Unido en 1947.

O primeiro ministro anunciou en 2019 a derrogación do artigo 370 da Constitución india, que outorgaba ao Estado de Jammu e Caxemira o dereito a ter a súa propia Constitución, lexislativo e bandeira, así como autonomía en todas as cuestións agás finanzas, comunicacións, relacións exteriores ou defensa.

Amais, aprobou unha norma que permitía ás persoas do resto da India obter a residencia permanente na rexión, a única de maioría de poboación musulmá, o que para as forzas soberanistas de Caxemira foi considerado un intento de anexión e de cambiar a composición xeográfica do territorio.

Nova división

En paralelo, Modi dividiu o Estado de Jammu e Caxemira en dous, Ladakh e Jammu e Caxemira. O tribunal aceptou a nova división mais ordenou que esta última rexión recupere a súa condición de Estado dentro da federación india e desenvolva eleccións lexislativas antes de setembro de 2024.

A India posúe a meirande parte do territorio de Caxemira, mentres que Paquistán controla unha porción menor e a China outra, mais neste caso escasamente poboada e de grande altitude.

Un referendo pendente

En 1948 unha resolución da Organización das Nacións Unidas reclamou un referendo para que a poboación caxemiresa elixise se quería integrarse na India ou en Paquistán.

Comentarios