Coronavirus Galiza: Sanidade garante a presencialidade nas aulas en xaneiro

A ministra desta área, Carolina Darias, insiste en que as clases son "espazos seguros". Porén, o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde decidiu reducir a capacidade de público nos estadios para frear os contaxios por coronavirus.
Afección con máscara no Anxo Carro, en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Afección con máscara no Anxo Carro, en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A escola será presencial na Galiza (e no resto de territorios do Estado español) á volta do Nadal malia o coronavirus. Así vén de confirmalo a responsábel do Ministerio de Sanidade, Carolina Darias, após a reunión semanal do Concello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

A titular da carteira afirmou ante os medios que se vai garantir a “presencialidade nos centros educativos” malia a situación actual da pandemia, cunha sexta onda en plena expansión.

"O modelo educativo de presencialidade nas aulas é un éxito e é o modelo do Goberno de España, porque as aulas son espazos seguros", destacou Darias, convencida de que os contaxios non impedirán esa “volta ao cole” o próximo 10 de xaneiro.

En todo caso, a representante do Executivo español quixo deixar unha porta aberta a calquera cambio se a incidencia da Covid-19 crece moito máis.

Así, quedou fixado na axenda oficial un novo encontro de traballo, neste caso dos representantes dos diferentes territorios e dos responsábeis dos ministerios de Educación e Sanidade. Será o 4 de xaneiro.

A intención é continuar partillando “os avances e protocolos estabelecidos” para que as clases se manteñan como lugares seguros, tal e como sinalou Darias.

Capacidade nos eventos deportivos

Por outra parte, a representante da equipa de Pedro Sánchez falou de novas limitacións de público nas probas deportivas.

Unha vez rematado o encontro, explicou que se chegou ao acordo de que a capacidade máxima nos estadios de fútbol de primeira e segunda división pase ao 75% do 100% actual.

As instalacións fechadas (como no caso do baloncesto) poderán acoller ao 50% das persoas afeccionadas.

Máscara e comida

Aliás, aquelas afeccionadas que si accedan aos recintos deberán ter en todo momento as máscaras e seguirá prohibido fumar, comer ou beber para reducir o risco de contaxios.

Comentarios