Catalunya

O PP pediu o apoio a Junts porque "controlamos o Estado" español

Transcenden novos detalles das negociacións para a investidura de Feixoo.
Pau Juvillà (CUP). (Foto: Europa Press)
photo_camera Pau Juvillà, da CUP. (Foto: Europa Press)

No marco das revelacións xurdidas nas últimas xornadas arredor do achegamento do Partido Popular (PP) a Junts e Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) para intentar facerse con apoios suficientes de cara á fracasada tentativa de investidura do seu líder, Alberto Núñez Feixoo, os conservadores transmitiron a Junts que con eles "todo sería máis fácil" porque "controlan" o Estado español, recolleron hoxe medios estatais citando fontes da formación soberanista.

Naquelas conversas, nas que o PP admitiu que estudou ao longo de 24 horas a proposta dunha amnistía ás persoas independentistas catalás represaliadas, unha das exixencias de Junts para apoiar unha candidatura á investidura, o equipo de negociación do PP buscou convencer Junts de que grazas a este control habería menos resistencia ás medidas de graza.

Tamén divulgaron que o secretario xeral de Junts, Jordi Turull, chegou a afirmar que de “publicarse as conversas co PP enlearíase”, nunha polémica desatada após centrar a forza estatal a súa estratexia política nos últimos meses en atacar a amnistía e os pactos cos partidos nacionalistas cataláns.

O ministro de Xustiza e Presidencia, Félix Bolaños, indicou que “teño a impresión de que [no PP] recoñeceron a punta do iceberg do que ofreceron a Junts e outros partidos”, mais “tiña un pequeno problema”, a “mochila” da ultraespañolista Vox.

Asemade, ratificou que confía en que finalmente a proposta de lei de amnistía será aprobada e cubrirá todas as persoas que participaron no proceso de autodeterminación catalán.

Nese sentido, o Tribunal Supremo español confirmou hoxe a sentenza contra o ex edil da Candidatura d’Unitat Popular (CUP) en Lleida Pau Juvillà, ao que lle foi imposta unha multa de 1.080 euros canda unha inhabilitación de seis meses por non retirar da sede do Concello uns lazos amarelos -unha mostra de solidariedade coas persoas independentistas represaliadas- nas eleccións españolas de 2019. En 2022, o veredicto do Tribunal Superior de Justícia de Catalunya forzou a súa expulsión como deputado do lexislativo catalán.

Inmersión lingüística

Xa no Parlamento da UE, tanto Junts como ERC rexeitaron hoxe a instrumentalización da Comisión de Peticións, presidida por Dolors Montserrat (PP), no debate dun informe dun grupo de deputadas e deputados de forzas conservadoras e de extrema dereita, que tras visitar Catalunya criticaron o sistema de inmersión lingüística no ensino.

Comentarios