Ten futuro a impugnación do imposto ás grandes fortunas que presentou Rueda? A Xustiza tomba un recurso similar de Ayuso

A Xustiza desbota unha invasión das competencias fiscais das autonomías por parte do Estado.
Alfonso Rueda, Isabel Díaz-Ayuso e Juan Manuel Moreno Bonilla, os tres no centro, na XXV Unión Interparlamentar Popular en 2022. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press).
photo_camera Alfonso Rueda, Isabel Díaz-Ayuso e Juan Manuel Moreno Bonilla, os tres no centro, na XXV Unión Interparlamentar Popular en 2022. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press).

O Tribunal Constitucional (TC) avala o imposto ás persoas máis ricas ao rexeitar o recurso presentado polo Goberno da Comunidade de Madrid, que preside Isabel Díaz-Ayuso, e que tamén presentaron os Gobernos da Galiza, Andalucía e Murcia; todos presididos polo PP.

A maioría progresista do Pleno aprobou por sete votos a favor e catro en contra o relatorio redactado pola maxistrada María Luisa Balaguer. 

Os xuíces entenden que o tributo temporal de solidariedade ás grandes fortunas impulsado polo Executivo de Pedro Sánchez non supón unha invasión por parte do Estado das competencias autonómicas en materia fiscal.

As alegacións de Ayuso

O Executivo de Isabel Díaz-Ayuso defendía na súa impugnación que o novo tributo podería vulnerar, entre outros, os principios de seguridade xurídica, capacidade económica e non confiscatoriedade, así como a autonomía política e financeira das comunidades autónomas.

O Constitucional desestima os argumentos do Goberno da Comunidade de Madrid ao considerar que non houbo fraude na tramitación parlamentaria nin se deu o caso de ningunha das vulneracións alegadas.

Na mesma liña, o Executivo de Alfonso Rueda recorreu o gravame e solicitou que se suspendese de forma preventiva a aplicación deste imposto ás persoas ricas.

A decisión de Rueda

O pasado mes de marzo, o Consello da Xunta aprobou a presentación dun recurso de inconstitucionalidade ao imposto temporal ás grandes fortunas aprobado para os anos 2023 e 2024. Alfonso Rueda, indicou entón que o seu Goberno detectara "varias vulneracións", unha delas "clarísima" á autonomía financeira da comunidade, polos tributos que ten transferidos.

"Na práctica, anula e desactiva calquera bonificación da Xunta", asegurou, o presidente galego cargando contra este novo tributo que cualificou de "ataque directo".

Rueda sumou a súa propia impugnación ás xa presentadas por Juan Manuel Moreno Bonilla en Andalucía e Ayuso en Madrid, seguindo a estratexia ditada por Alberto Núñez Feixoo que viña encabezando unha dura campaña a prol da supresión deste tributo extraordinario.

Andalucía, na avanzada

O de Andalucía foi primeiro Goberno autonómico en recorrer este imposto, a mediados de febreiro, alegando que coa creación deste novo tributo o Estado español estaba a "invadir as súas competencias".

O Tribunal Constitucional admitiuno o pasado 21 de marzo, ao tempo que rexeitou suspendelo de forma preventiva en aplicación da súa doutrina. Porén, a Junta andaluza presentou un recurso de súplica que tamén foi desestimado. Apenas un mes despois o TC admitiu os recursos da Comunidade de Madrid e da Galiza, rexeitando igualmente a anulación cautelar.

O Senado aprobou en decembro de 2022 o imposto temporal ás grandes fortunas. O tributo avalado polo Constitucional é do 1,7% para os patrimonios de entre 3 e 5,3 millóns de euros; do 2,1% para os patrimonios de entre 5,3 e 10,6 millóns; e do 3,5% para aqueles patrimonios superiores a 10,6 millóns de euros.

A Xunta manterá a rebaixa que beneficia os máis ricos

En 2024 o Goberno Galego "consolidará" as rebaixas fiscais que están "en vigor" na actualidade, entre as que figura a redución a 50% do imposto de patrimonio para as rendas máis altas.

Este imposto está considerado o tributo por excelencia para gravar a riqueza. Afecta as persoas contribuíntes con bens por un valor superior a 700.000 euros, excluíndo a vivenda habitual até 300.000 euros, aínda que nalgúns territorios estas cifras mudan. Grava o patrimonio neto das persoas físicas, é dicir, o conxunto de bens e dereitos de contido económico dos que o contribuínte é titular, con dedución das cargas e gravames que diminúan o seu valor, así como das débedas e obrigas persoais polas que deba responder.

A medida beneficiou 7.700 persoas ricas na Galiza, ás que aforrou uns 40 millóns.

Comentarios