As rebaixas de impostos da Xunta da Galiza favorecen as grandes fortunas

As bonificacións fiscais impulsadas pola Xunta da Galiza favorecen as grandes fortunas en detrimento doutros niveis de renda. Neste sentido, o Consello Xeral de Economistas sinala que a presión fiscal na Galiza é reducida para as rendas altas e elevada para as baixas e medias.

As maquinas comecartos continuarán nos negocios de hostalaría (Foto: Europa Press)
photo_camera O sector do xogo é un dos máis favorecidos polas bonificacións fiscais da Xunta. (Foto: Europa Press)

A Xunta da Galiza perdoou 2.063 millóns de euros en impostos nas catro últimas anualidades. Segundo os datos achegados pola Consellaría de Facenda, estas bonificacións fiscais ficaron en 448 millóns de euros en 2020, en 501 millóns no ano 2021, en 522 millóns en 2022 e alcanzarían este ano, segundo se estima  no informe económico dos Orzamentos para 2023 da Xunta, en 592 millóns. Neste sentido, a contía das exencións tributarias impulsadas pola Administración galega representan 16,3% do orzamento en curso, fixado en 12.620 millóns de euros.

As bonificacións fiscais aprobadas pola Xunta da Galiza non benefician por igual todos os niveis de renda. Así, neste exercicio, entrou en vigor unha rebaixa no Imposto sobre Patrimonio, tributo cuxa competencia corresponde na súa totalidade á Administración galega. Neste caso, a medida favoreceu 7.646 persoas, cun patrimonio superior a 700.000 euros, sen contar a vivenda habitual até 300.000 euros, e a quen en conxunto supere os dous millóns de euros. Neste sentido, o Goberno galego estima unha caída na recadación por este concepto de 34 millóns.

Imposto sobre Patrimonio

A fortuna media de 7.646 galegas e galegos obrigados a tributar polo Imposto sobre o Patrimonio é de seis millóns de euros, practicamente o dobre da media estatal. As millonarias e millonarios galegos ocupan o segundo lugar en canto a riqueza entre os contribuíntes por este gravame no Estado, colocándose a continuación os residentes nas Illes Balears, cun patrimonio de 3,9 millóns. Nos postos de cola sitúanse 14.515 contribuíntes aragoneses cunha fortuna media de 1,88 millóns de euros e 1.243 contribuíntes estremeños cun patrimonio de conxunto de 2,04 millóns.

O sector do xogo é outro dos favorecidos polas exencións fiscais da Administración galega. Se no exercicio de 2022 a Xunta da Galiza aprobou unha bonificación de 20% nos impostos a casinos e bingos e de 30% nas máquinas comecartos, nos orzamentos de 2023 o Partido Popular propuxo unha nova rebaixa de 20% para os 11 bingos abertos na Galiza. Nesta liña, Goberno galego perdoa este ano ás empresas do xogo 164,5 millóns de euros en impostos, após recadar 28,5 millóns como consecuencia das bonificacións aos criterios normativos fixados no sistema de financiamento.

O Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) é un bo exemplo da orientación en materia fiscal da Xunta da Galiza. Neste caso, trátase dun tributo que grava a renda obtida nun ano natural polas persoas físicas residentes no Estado español, caracterizándose polo seu carácter persoal, progresivo e directo, sendo considerado por moitos facendistas como o piar máis significativo do sistema fiscal estatal. O Ministerio de Facenda recadou na Galiza en 2021, último ano con cifras, por este imposto 5.103 millóns de euros.

O tramo galego do IRPF

A competencia sobre o IRPF está partillada en dúas metades entre o Goberno do Estado e o galego. Así, o primeiro fixa un tipo impositivo que varía en seis tramos en función da renda para a parte que xestiona, estabelecendo o segundo uns tipos impositivos que mudan atendendo a cinco niveis de ingreso. Precisamente, a existencia de menos tramos de renda resta progresividade a este tributo, que achegou en 2021 aos orzamentos da Xunta da Galiza 2.573 millóns de euros.

A progresividade fiscal

A falta de progresividade da fiscalidade galega é cuestionada desde diversos ámbitos. Neste sentido, o relatorio Panorama da fiscalidade autonómica ou foral, un estudo elaborado anualmente polo  Rexistro de Economistas Asesores Fiscais (Reaf) e polo Consello Xeral de Economistas (CXE) concluía na súa edición de 2022, última publicada, que a presión fiscal na Galiza é reducida para as rendas altas e elevada para as baixas e medias.

A achega media por IRPF, tomando como contribuínte tipo para todo o Estado unha persoa solteira e sen fillos, con idade inferior a 65 anos, sen discapacidade nin ningunha outra circunstancia persoal que poida darlle dereito a dedución, foi para un residente na Galiza cunha renda anual de 20.000 euros de IRPF de 2.470 euros, unha contía superior á media estatal (2.320) e por riba do achegado polos residentes en Euskadi, Madrid, Canarias e A Rioxa.

A contribución media por IRPF dun cidadán ou cidadá do Estado cunha renda de 45.000 euros é de 9.500. Porén, na Galiza sitúase en 9.680 euros. Neste suposto, analizado polo servizo de estudos do Consello Xeral de Economistas, a presión fiscal dun cidadán galego é superior á dun vasco, dun madrileño, dun castelán-leonés, dun rioxano, dun murciano, dun canario, dun castelán-manchego, dun cántabro, dun andaluz e dun valenciano. Así, só pagan máis que a poboación residente na Galiza aquelas persoas empadroadas en Catalunya, Illes Balears, Aragón, Estremadura e Nafarroa

A situación é máis chamativa cando se analizan os tributos a pagar por IRPF por aquelas persoas cuns ingresos de 600.000 euros. Neste caso, a achega media ás facendas dun residente no Estado español é de 270.000 euros, mais na Galiza redúcese a 258.000 euros. Nesa dirección só fan unha contribución inferior aos cidadáns galegos, os residentes en Madrid, Castela-A Mancha e Castela-León.

O tramos galegos do IRPF fican á cola do Estado español en progresividade

A Xunta da Galiza gábase das diferentes rebaixas aplicadas ao tramo autonómico do IRPF na última década. Porén, as mesmas non chegan por igual aos diferentes niveis de renda. Segundo os datos ofrecidos por un estudo elaborado polo economista e colaborador de Nós Diario Joam Romero, "os tramos de ingresos entre 20.000 e 26.999 euros tributaron na Galiza cun tipo de 14%, reducíndose en 2022 a 11,65%, o que significou unha baixada de 2,35% no IRPF. Porén, nese mesmo período a rebaixa para as rendas de 60.000 a 99.000 euros foi de 3,10%, dándose un incremento de 0,9% no tramo de renda de 27.700 a 35.199 euros".

Romero defende ampliar o número de tramos do IRPF para mellorar a progresividade de imposto. Neste sentido, aposta por pasar dos cinco niveis fixados na actualidade na Galiza para o segmento autonómico do imposto a oito, co obxectivo de conseguir unha tributación máis xusta. A este respecto, propón novos módulos para aquelas rendas entre 29.400 euros e 21.400 euros, entre 47.600 euros e 37.300 euros e entre 100.000 euros e 60.000 euros.

Romero aposta por “incrementar a progresividade fiscal do IRPF e elevar a súa capacidade como instrumento de redistribución xusta da renda”, xa que “isto corrixiría a desigualdade social xerada na distribución primaria da renda derivada do proceso produtivo, no momento no que a riqueza social é repartida entre a clase traballadora e a clase capitalista ou propietaria dos medios de produción”.

Comentarios