Consello da Xunta

Rueda segue os pasos de Ayuso e confirma que a Xunta recorrerá por "inconstitucional" o imposto ás grandes fortunas

O Goberno galego súmase ao madrileño e o andaluz, na liña da estratexia ditada por Alberto Núñez Feixoo, e ratifica a anunciada presentación dun recurso de inconstitucionalidade contra o coñecido popularmente como "imposto aos ricos".

O presidente Alfonso Rueda, na reunión desta quinta feira co seu equipo de goberno. (Foto: Xunta)
photo_camera O presidente Alfonso Rueda, na reunión desta quinta feira co seu equipo de goberno. (Foto: Xunta)

O imposto temporal de solidariedade das grandes fortunas aprobado polo Goberno español, coñecido popularmente como o "imposto aos ricos" e que deberán abonar as persoas cun patrimonio superior aos 3 millóns de euros, foi unha das cuestións que máis criticou nos últimos meses o líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, que encabezou unha feroz campaña a prol da supresión deste tributo extraordinario á que non tardaron en sumarse dirixentes 'populares' como Isabel Díaz Ayuso ou Juanma Moreno. Tamén o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, que viña advertindo da posibilidade de acudir aos tribunais desde un tempo atrás e que esta mesma quinta feira confirmou que se suma á batalla legal.

Na súa comparecencia ante os medios após a reunión semanal do Consello da Xunta, anunciou que o seu goberno interporá un recurso de inconstitucionalidade tras obter o visto e prace do Consello Consultivo. Rueda xustificou a decisión alegando as "varias vulneracións" detectadas na norma, unha delas, "clarísima", referida á autonomía financeira do país por mor dos tributos que ten transferidos.

"Na práctica, anula e desactiva calquera bonificación da Xunta", asegurou, cargando contra este novo tributo con carácter temporal, que non dubidou en cualificar de "ataque directo" e que, a xuízo do seu equipo de goberno, podería ser tombado polo Tribunal Constitucional.

Mais a Xunta non é a primeira institución que recorre o imposto. Antes, o pasado 1 de febreiro, o Goberno da Comunidade de Madrid interpuxo un recurso perante o tribunal de garantías ao que esta mesma cuarta feira se sumou outro, impulsado tamén por Díaz Ayuso mais desta volta da man da Asemblea de Madrid, que aprobou a proposta só cos votos do PP e da ultradereita de Vox.

E a mediados de febreiro era a Xunta de Andalucía a que trasladaba aos xulgados o gravame aprobado polo Goberno de coalición de PSOE e Unidas Podemos. Esta terza feira o Constitucional admitiuno a trámite, mais rexeitou a suspensión cautelar da norma até que se dite sentenza.

Os motivos aducidos polos 'populares' andaluces e madrileños son moi semellantes e apuntan a unha hipotética "fuga de patrimonios estranxeiros" que, afirman, deixarían de investir no Estado español.

A Galiza, á cabeza en grandes fortunas

Os datos achegados o pasado mes de setembro pola Axencia Tributaria no marco da campaña de recadación do Imposto de Patrimonio sitúan á Galiza como o segundo territorio do Estado español, tras Madrid, que maiores fortunas acolle: un patrimonio medio de 6 millóns de euros para cada unha das 8.242 persoas que pagan este tributo por superaren os 700.000 euros —excluída vivenda habitual até 300.000 euros—.

Comentarios