O Congreso renova o estado de alarma, mais non amplía a paralización das actividades non esenciais

Pedro Sánchez convoca a partidos, empresariado e axentes sociais a chegar a un "grande acordo". 
Ante a Cámara Baixa, Pedro Sánchez anunciou que previsibelmente voltará a solicitar máis prórrogas do estado de alarma (Imaxe )
photo_camera Ante a Cámara Baixa, Pedro Sánchez anunciou que previsibelmente voltará a solicitar máis prórrogas do estado de alarma (Imaxe: Mariscal / EFE POOL )

Os novos Pactos da Moncloa comezarán a fraguarse nos vindeiros días, pese a non sementaren moitas simpatías, polo de agora, alén do Partido Socialista.

O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, convocará unha reunión a semana próxima para formular "un grande acordo de Estado", ao estilo dos pactos de 1977, para facer fronte á crise económica e social que vén a consecuencia da pandemia. 

Na súa intervención desta quinta feira no Congreso, Sánchez chamou a acudir a esta reunión aos partidos, patronal, axentes sociais, sindicatos e Presidencias das Comunidades Autónomas. "Todos estamos chamados a eses pactos. Están dispostos? Eu estouno", dixo o mandatario español.

Sánchez pediu esta quinta feira, 9 de abril, en reiteradas ocasións á dereita "unidade e lealdade" na loita contra o coronavirus, logo das duras intervencións de Pablo Casado (PP) e de Santiago Abascal (Vox), que cargaron contra o Goberno pola súa xestión da crise. "Paguen as nóminas e marchen", chegou a dicir ao Executivo Abascal. Vox, de feito, votou en contra de prorrogar o estado de alarma. 

O PSOE criticou que ambos os dous partidos tentasen acudir ao Congreso con todas as súas deputadas e deputados, saltándose o confinamento, cuestión que finalmente non sucedeu. Para defenderse das críticas da dereita, Sánchez recoñeceu que España, ao igual que "todo Occidente" chegou tarde na resposta á pandemia, mais quixo pór en valor que foi o primeiro Estado europeo que decidiu medidas de confinamento tendo só 120 falecementos e por ser onde "máis tests por habitante se fan".

Onde si hai un cambio de estratexia é en Ciudadanos, que desde o inicio da crise relaxou a carreira con Abascal e Casado polo podio das posicións ultras e apoia, agora, o Goberno nos seus decretos, autodenominándose "leais" e "patriotas". De feito, na sesión desta quinta feira abundou o chamamento ao "patriotismo", tanto desde as dereitas como desde as esquerdas estatais. 

Soberanistas chaman a protexer as traballadoras

BNG, EH Bildu, ERC e CUP defenderon o confinamento total da poboación e non decretar a volta ao traballo das actividades non esenciais.

Néstor Rego, deputado do Bloque, apoiou a prórroga do estado de alarma mais considerou "irresponsábel" reactivar a actividade económica non esencial xa que, ao facelo, aínda por riba sen medidas de seguridade, "abócase as traballadoras e traballadores a un risco de contaxio".

O nacionalista galego acusou por iso o Goberno de estar máis pendente dos ditados do mercado que de protexer as persoas. Rego considerou que a "centralización da emerxencia sanitaria demostrou ser errada e ineficaz" e chamou a parar a “escenificación militarizada, impropia dunha crise sanitaria” con altos cargos do exército dando as roldas de prensa do Estado. 

Haberá máis prórrogas

Pedro Sánchez anunciou que após os 15 días do novo estado de alarma voltará, previsibelmente, a solicitar máis prórrogas. 
O Congreso debateu tamén os decretos laborais do Goberno para contrarrestar os efectos da crise.

Estes foron cualificados de "insuficientes" polas forzas soberanistas de esquerdas, que negaron que implicasen a prohibición dos despedimentos e, en consecuencia, non os avalaron. Con todo, as normas foron aprobadas, ficando ratificadas medidas como o permiso retribuído recuperábel para o persoal de servizos esenciais, e as 50 medidas urxentes sociais do Executivo. 

Comentarios