O Congreso dos EUA aproba o xuízo político contra un membro do Goberno

Suba de 11% no gasto militar dos membros europeos da OTAN e o Canadá.
O secretario de Seguridade Nacional estadounidense, Alejandro Mayorkas. (Foto: Luis Barron / Europa Press / Contacto)
photo_camera O secretario de Seguridade Nacional estadounidense, Alejandro Mayorkas. (Foto: Luis Barron / Europa Press / Contacto)

A Cámara de Representantes estadounidense, controlada polo Partido Republicano, aprobou na madrugada de hoxe a realización dun xuízo político contra o secretario de Seguridade Nacional, Alejandro Mayorkas, ao que acusa de non cumprir as leis migratorias do país e permitir a entrada dun gran volume de persoas migrantes.

É a primeira vez en case un século e medio que o lexislativo dá luz verde a un xuízo político contra un membro do Gabinete que non sexa a persoa que ocupa a Presidencia.

Non obstante, é pouco probábel que Mayorkas sexa condenado ou destituído no Senado, a Cámara responsábel de efectuar o xuízo e na que a maioría dos asentos corresponden ao Partido Demócrata. Para destituílo sería precisa unha maioría simple, un requisito que aumenta a unha maioría de dous terzos para unha condena.

Gasto militar na OTAN

No marco da reunión de titulares de Defensa dos Estados membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), o secretario xeral da alianza militar liderada polos Estados Unidos, Jens Stoltenberg, comunicou que “este ano agardo que 18 aliados gasten 2% do produto interior bruto (PIB) en Defensa”, o que cualificou como un “récord” desde os tres que o facían en 2014. Nese ano, a OTAN acordou elevar a 2% do PIB o gasto militar, brindando un prazo dunha década para alcanzar ese nivel.

Amais de lembrar que “sucesivas Administracións estadounidenses” reiteraron que “os aliados europeos e o Canadá teñen que gastar máis posto que non hai un repartimento xusto”, salientou que o pasado ano este grupo de Estados incrementou 11% o seu gasto militar.

Comentarios