O Partido Demócrata conserva o control do Senado de EUA após gañar o escano de Nevada

O partido de Joe Biden atinxe os 50 representantes necesarios para manter o control da Cámara alta.

Esta terza feira comezaron as votacións na costa leste dos EUA (Foto: Jessica Gallagher / Dispatch Argus / DPA).
photo_camera Votacións en EUA (Foto: Jessica Gallagher / Dispatch Argus / DPA).

As eleccións de medio mandato en Estados Unidos -nas que se renova un terzo do Senado e toda a Cámara de Deputados- non foron o tsunami favorábel ao Partido Republicano que auguraban algunhas enquisas e que agardaba a propia dereita norteamericana.

O Partido Demócrata mantén o control do Senado grazas á vitoria de Catherine Cortez Masto no estado de Nevada, fronte ao republicano Adam Laxalt. Así, a segunda volta do 6 de decembro en Xeorxia só decidirá se a formación demócrata amplía a súa vantaxe, agora que xa conseguiron a maioría na Cámara.

A frenética votación no estado de Nevada rematou na madruhada do sábao ao domingo [hora galega], despois de varios días de reconto. O voto por correo favoreceu Cortez Masto e deulle a vitoria, con 48% dos votos.

Poucas horas antes, o demócrata Mark Kelly gañou un escano disputado durante moito tempo no estado de Arizona, deixando o Partido Demócrata a só un escano de manter o control do Senado. A vantaxe confirmouse coa vitoria en Nevada.

O PD asegúrase, pois, 50 dos 100 senadores que compoñen a Cámara alta, suficiente porque a responsábel de romper os empates é a vicepresidenta Kamala Harris.

Con todo, a vitoria do partido do presidente estadounidense, Joe Biden, non foi absoluta en Nevada. O candidato republicano Joe Lombardo será o gobernador, após derrocar o demócrata Steve Sisolak. E en Arizona, aínda non se pechou a disputa entre os dous aspirantes a gobernador, a republicana Kari Lake e a demócrata Katie Hobbs.

Comentarios