O Congreso dos EUA aproba un rescate de 900.000 millóns de dólares

A delicada situación social e económica que viven os Estados Unidos de América como consecuencia da pandemia da Covid-19 conseguiu modificar o veto dos republicanos para activar as medidas solicitadas polos demócratas.   

O Congreso de Estados Unidos de América (EUA) aprobou esta pasada segunda feira un orzamento de rescate por valor de 900.000 millóns de dólares (735.000 millóns de euros) para facer fronte á devastación económica causada pola pandemia. Segundo informou a cadea estadounidense CNN, a medida contou cos votos favorábeis da Cámara Baixa (359 a favor e 53 en contra) e do Senado (91 votos a favor e 7 en contra). 

Este diñeiro quedará incluído dentro da lei de gasto para financiar a administración federal até o mes de setembro de 2021 por un valor total de 2,3 billóns de dólares. Aínda así, para a súa entrada definitiva en vigor deberá contar coa  ratificación do presidente saínte, Donald Trump

Os puntos máis rechamantes do paquete de estímulo aprobado son o pagamento de 600 dólares a todas as e os estadounidenses con ingresos menores a 75.000 dólares anuais e un subsidio ao desemprego de 300 dólares semanais. 

As axudas tamén inclúen 325.000 millóns para as empresas con problemas (275.000 deles para o pago de nóminas), 45.000 millóns de rescate aos sistemas de transporte público do país, 82.000 millóns para  as escolas, 20.000 millóns para a distribución de vacinas contra a Covid-19 ou 13.000 millóns para financiar os cupóns da comida que se está a distribuír.

Meses de veto republicano para aprobar o rescate

Demócratas e republicanos anunciaron o acordo após meses de estancamento para incluír o rescate dentro da lei de gasto para 2021. O Congreso aprobou en marzo, ao comezo desta pandemia, un rescate de 2,2 billóns de dólares, o maior da historia deste país, mais os beneficios, incluído o subsidio ao desemprego, fóronse esgotando a medida que pasaban os meses.

Os demócratas tentaron aprobar este pasado verán un novo rescate de máis de 3 billóns de dólares, mais republicanos e a Casa Branca bloquearon ese gasto e as negociacións fracasaron en varias ocasións desde entón.

O presidente electo de Estados Unidos, Joe Biden, mostrou o seu apoio á aprobación deste rescate de 900.000 millóns de dólares, aínda que avisou que non é suficiente e que se necesitarán máis fondos cando chegue á Casa Branca no mes de xaneiro.

.

Comentarios