Trump perde o respaldo de Putin e do líder do Senado

O presidente de Rusia e Mitch McConnell recoñecen a vitoria de Joe Biden nas presidenciais tras o voto do Colexio Electoral.
EuropaPress_2237575_handout_14_june_2019_japan_osaka_us_president_donald_trump_shakes_hands
photo_camera Putin e Trump, o 14 de xuño de 2019 na reunión do G20 en Osaka (Foto: dpa)

Horas despois de o Colexio Electoral dos Estados Unidos ter confirmado que Joe Biden foi o vencedor das eleccións presidenciais do 3 de novembro, os líderes políticos que aínda non deran o paso recoñeceron publicamente que Donald Trump non seguirá na Casa Branca a partir do 20 de xaneiro.

É o caso do presidente de Rusia, Vladimir Putin, con quen Trump mantivo unha grande afinidade, e que onte felicitou a Biden. "Pola miña parte, estou preparado para interactuar e contactar con vostede", sinalou. 

Nun comunicado, o Kremlin engadiu que"Putin desexou ao presidente electo todos os éxitos e expresou a confianza en que Rusia e os Estados Unidos, que teñen unha responsabilidade especial pola seguridade e a estabilidade globais, poidan, a pesar das súas diferenzas, axudar realmente a solucionar os numerosos problemas e desafíos que afronta o mundo".

Precisamente hoxe, o Goberno estadounidense acusou Rusia de "ameazar a estabilidade" no mar Mediterráneo e de "fomentar o caos, o conflito e a división" en varios países da rexión.

O secretario de Estado, Mike Pompeo, rexeitou as críticas do seu homólogo ruso, Sergei Lavrov, a Washington polo seu papel na rexión e afirmou que "é desafortunado e non axuda" que o ministro ruso "intente reescribir a Historia". Ademais, fixo fincapé no apoio dos EUA ao estabelecemento dun "Goberno inclusivo" en Libia.

"O Colexio falou"

Mais o signo máis claro de que Trump perdeu todo o respaldo con que contaba nas súas acusacións de fraude electoral foi o recoñecemento por parte do líder do Partido Republicano no Senado estadounidense, Mitch McConnell, da vitoria de Biden

Fíxoo onte por vez primeira: "O noso país ten oficialmente un presidente electo e unha vicepresidenta electa". Aínda que "millóns de persoas" desexaban un resultado "diferente", dixo, "o Colexio Electoral falou". 

McConnell tamén felicitou a Kamala Harris. "Máis aló das nosas diferenzas, todos os estadounidenses poden estar orgullosos de que o noso país teña unha vicepresidenta electa, muller por primeira vez", sinalou.

Tamén o presidente de México, Andrés Manuel López Obrador, que se mostrara remiso a felicitar até agora a Biden, comunicou esta terza feira que o fixera, e louvou a súa posición en temas migratorios.

Comentarios