O Congreso debate esta semana eliminar as penas por inxurias á Coroa

Esquerrra Republicana leva ao Pleno do Congreso das Deputadas unha proposición de lei para derrogar os artigos do Código Penal que contemplan penas de prisión polo delito de inxurias á Coroa e de ultraxes a España, como a queima de bandeiras.
Busto de Juan Carlos I nun parque (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Busto de Juan Carlos I nun parque (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

Falar dos Borbóns non vai a ter cancelas. Cando menos iso é o que pretende Esquerra Republicana (ERC) coa proposición de lei que levará esta terza feira ao Pleno do Congreso das Deputadas co gallo de derrogar os artigos do Código Penal que contemplan penas de prisión polo delito de inxurias á Coroa e de ultraxes a España, como a queima de bandeiras.

ERC rexistrou esta iniciativa o pasado mes de agosto após coñecerse que a Fiscalía da Audiencia Nacional estaba a examinar unha denuncia contra o vicepresidente da Generalitat de Cataluña, Pere Aragonès, de ERC; a líder de Adiante Andalucía, Teresa Rodríguez, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, por posíbeis inxurias á Coroa tras os seus respectivos comentarios pola marcha de España do Rey emérito. A denuncia arquivouse.

Semanas antes, en xullo, o Goberno español comunicara ao Consello de Dereitos Humanos da ONU a súa intención de "levar a cabo unha revisión dos delitos de inxurias á Coroa", e tamén dos delitos contra os sentimentos relixiosos recolleitos no Código Penal, ambas as dúas recomendacións xurdidas do exame periódico universal ( EPU).

Agora os independentistas cataláns levan esta iniciativa ao Pleno para forzar ao PSOE a pronunciarse sobre a urxencia desta reforma. En ERC insisten na necesidade de "superar as censuras" e despenalizar estes delitos para cumprir co Convenio para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais, despois de que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos condenase ao Estado español ao considerar que, con actos como a queima de bandeiras, vulnerouse a liberdade de expresión.

comentarios