xoves 24/09/20
Análise

A fiscalía da Audiencia Nacional abre dilixencias contra Ana Pontón

A fiscalía da Audiencia Nacional vén de abrir dilixencias previas contra a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, por un delito de inxurias contra a coroa. O procedemento aberto a raíz dunha denuncia formulada por Concordia Real Española e tramitado con máxima urxencia levanta dúbidas sobre a súa intencionalidade.
Ana Pontón no acto do BNG do 25 de xullo [Arxina].
Ana Pontón no acto do BNG do 25 de xullo [Arxina].

A fiscalía da Audiencia Nacional está examinando unha denuncia presentada pola entidade Concordia Real Española contra o vicepresidente da Generalitat de Catalunya, Pere Aragonès, a líder de Adelante Andalucía, Teresa Rodríguez e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, por un posíbel delito de inxurias contra a Coroa. Segundo sinalan desde a entidade denunciante, “hai feitos que consideramos que poderían ser delito, pois as inxurias á Coroa están contempladas no Código Penal, concretamente no seu artigo 491”. Ao tempo, fontes da fiscalía confirman a recepción da denuncia e a incoación de dilixencias previas. 

A asociación impulsora da denuncia, Concordia Real Española, fundada o pasado 31 de xullo márcase como obxectivos “a unidade da nación e da súa integridade territorial, o respecto das institucións e das tradicións” e a aposta pola “defensa do legado da dunha monarquía que trouxo a España a democracia e que soubo unir os intereses particulares ou de grupo para construír un proxecto común de nación”. Segundo sinala nunha recente entrevista o portavoz da mesma, o xornalista e director de informativos de Televisión Española (TVE) na época de José María Aznar, Alfredo Urdaci, “nace dunha serie de persoas que ven con inquietude a posta en cuestión xeral que se está facendo da obra da monarquía, da Transición e do legado de Xoán Carlos I”.

As conexións de Concordia Real Española coa Coroa e os sectores da dereita política e social son evidentes. A este respecto, débese sinalar a proximidade á familia real de Alfredo Urdaci, xefe da raíña Leticia na súa etapa como presentadora de informativos de TVE e que pasa por ser un dos asesores en materia de comunicación da Casa Real. Outro tanto sucede co presidente do colectivo, Atocha de Alós, antigo xerente da Fundación Casas Históricas e moi ligado aos círculos cortesáns do Estado. Na mesma liña, fontes consultadas por Nós Diario sinalan que “non é casual que ABC, o xornal oficioso da Casa Real actúe como portavoz de todas estas denuncias”.

Concordia Real Española non está soa neste proceso. Onte mesmo, a Asociación Profesional da Guarda Civil Jucil, entidade irmandada con Jusapol e considerada como maioritaria na benemérita, súmase á denuncia de Concordia Real Española contra Aragonés, Rodríguez e Pontón, ao considerar que “se vulnerou de forma moi gravosa o ben xurídico protexido, que non é outro que a Coroa en canto aos valores institucionais que representa”. Neste caso, a denuncia contra a portavoz nacional do BNG susténtase na súa intervención do pasado 25 de xullo, onde sinalou que “non hai incenso nin botafumeiro que tape a podremia da Casa Real e non imos parar até que se xulguen os Borbóns por ladróns e corrupción”.

Unha doutrina cuestionada 

As fontes xurídicas consultadas por Nós Diario cuestionan a base legal da denuncia e os tempos xurídicos do procedemento. Así, o avogado Xoán Antón Pérez-Lema lembra “as sentenzas do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos onde se cuestiona a interpretación que ten feito do delito de inxurias á Coroa o Tribunal Supremo e o Tribunal Consitucional ao considerar que se vulnera o dereito de liberdade de expresión”. Na mesma liña, sinala como a Organización de Nacións Unidas se ten dirixido ao Estado español para sinalarlle que “a interpretación do delito de inxurias á Coroa é incompatíbel co dereito de liberdade de expresión recollido na Declaración Universal dos Dereitos Humanos”.

“Sorprende que unha denunciada presentada o 4 de agosto sexa admitida só uns días máis tarde pola fiscalía da Audiencia Nacional”, destaca Xoán Antón Pérez-Lema quen recalca que “eses non son os tempos normais que segue a fiscalía nos seus procedementos”. Ao tempo, Pérez-Lema afirma que “o procesamento de Aragonès, Pontón e Rodríguez correspóndelle ao Tribunal Superior de Xustiza dos seus territorios, ao tratarse de persoas aforadas e non á Audiencia Nacional”. 

O Bloque Nacionalista Galego valorou, tamén, a apertura de dilixencias por parte da fiscalía. Así, a Executiva Nacional da formación considera que “estas actuacións retratan máis unha vez a xustiza española e a vulneración que estas actuacións supoñen do dereito fundamental á liberdade de expresión no Estado español, como ten posto en evidencia en múltiples ocasións o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos”. Ao tempo, a organización reafírmase nas declaracións de Pontón o 25 de xullo e considera que “é hora de investigar a fondo toda a corrupción da Casa Real e xulgar os Borbóns polas súas actuacións, con todas as consecuencias penais e políticas”.

Aviso a navegantes

O aparato do Estado deu un paso adiante na súa ofensiva en defensa da monarquía. A denuncia contra Ana Pontón e outros dous dirixentes políticos de Andalucía e Catalunya por unha entidade acabada de constituír por persoas do círculo da Casa Real, a súa admisión a trámite por un tribunal excepcional herdeiro do TOP nuns poucos días e a difusión da mesma polo portavoz oficioso da Coroa é toda unha declaración de intencións. As próximas semanas coñeceremos o alcance do procedemento xudicial. A falla de concretar a súa resolución definitiva evidencia a vontade dos núcleos de poder de tentar amordazar as posicións discrepantes, sinalando que non están dispostas a tolerar posicións críticas coa monarquía, en tanto chave de bóveda do réxime político institucionalizado no texto constitucional de 1978.

comentarios