A Fiscalía arquiva as dilixencias contra Ana Pontón polas declaracións sobre os Borbóns

Ana Pontón no acto do BNG [Arxina].
photo_camera Ana Pontón no acto do BNG [Arxina].

A Fiscalía da Audiencia Nacional arquivou as dilixencias de investigación que abriu hai uns días por mor dunha cadea de declaracións de dirixentes de tres partidos políticos -BNG, ERC, Adiante Andalucía- por supostas inxurias contra a Casa Real.

Segundo informan fontes xurídicas a ‘El Confidencial’, o Ministerio Público considera que as afirmacións de  Ana Pontón, Pere Aragonés, Teresa Rodríguez non son inxuriosas xa que están amparadas pola liberdade de expresión.

Nelas os políticos, denunciados pola asociación monárquica Concordia Real Española, criticaban aos Borbóns a raíz dos últimos escñandalos do rei emérito. 

A asociación impulsora da denuncia, Concordia Real Española, fundada o pasado 31 de xullo márcase como obxectivos “a unidade da nación e da súa integridade territorial, o respecto das institucións e das tradicións” e a aposta pola “defensa do legado da dunha monarquía que trouxo a España a democracia e que soubo unir os intereses particulares ou de grupo para construír un proxecto común de nación”.

Segundo sinala nunha recente entrevista o portavoz da mesma, o xornalista e director de informativos de Televisión Española (TVE) na época de José María Aznar, Alfredo Urdaci, “nace dunha serie de persoas que ven con inquietude a posta en cuestión xeral que se está facendo da obra da monarquía, da Transición e do legado de Xoán Carlos I”.

Comentarios