A Comisión Europea insta a comezar negociacións de adhesión con Bosnia e Hercegovina

Destaca a aliñación da política exterior.
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, a terza feira. (Foto: Eric Vidal / EU Parliament / DPA)
photo_camera A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, a terza feira. (Foto: Eric Vidal / EU Parliament / DPA)

“Desde que concedemos o estatuto de candidato [en 2022], Bosnia e Hercegovina deu pasos impresionantes, en pouco máis dun ano avanzouse máis que nunha década”, aseverou a terza feira a presidenta do Executivo da Unión Europea (UE), Ursula von der Leyen, ao anunciar que o organismo recomendará aos membros que aproben o inicio das negociacións de adhesión de Sarajevo ao bloque comunitario.

Esta petición ten que ser avalada a próxima semana polos 27 Estados da UE nunha cimeira que decorrerá en Bruxelas, a capital belga. En outubro, na avaliación anual ao respecto, a UE demandou ao país balcánico que efectuase reformas constitucionais e electorais para avanzar no proceso, amais de aliñarse coa política exterior comunitaria.

Este último punto foi destacado por von der Leyen. Aínda así, a aplicación das sancións coercitivas contra Rusia en Bosnia e Hercegovina é limitada ante a negativa da República Serbia, unha das dúas entidades políticas do Estado, a renunciar á neutralidade estratéxica e aos vínculos con Rusia.

Comentarios