Comeza o xuízo por crimes de lesa humanidade dos ex líderes de Kosovo

A Fiscalía imputounos por asasinar quen consideraban opositores.
Pasaporte da República de Kosovo.
photo_camera Pasaporte da República de Kosovo.

A Haia, nos Países Baixos, acolleu esta segunda feiraf a primeira xornada do xuízo do Tribunal Especial para Kosovo, no que se xulga catro ex dirixentes do Exército de Liberación de Kosovo por crimes de guerra e lesa humanidade entre 1998 e 1999, incluído durante o ataque da Organización do Tratado do Atlántico Norte contra Iugoslavia.

Están imputados o ex primeiro ministro e ex presidente da autoproclamada República de Kosovo, Hashim Thaci, que dimitiu en 2020 tras a acusación, o ex líder do lexislativo e do Partido Democrático Kadri Veseli, o ex mandatario e presidente de Iniciativa Socialdemócrata Jakup Krasniqi e Rexhep Selimi, ex xefe parlamentar de Autodeterminación, a forza do primeiro ministro Albin Kurti.

A Fiscalía acusa os ex líderes da guerrilla apoiada polos Estados Unidos e Alemaña de constituír unha “empresa criminal conxunta”, amais de persecución, arrestos ilegais ou arbitrarios,  torturas, asasinatos e desaparicións forzosas dirixidas contra persoas serbias, albanesas ou ciganas. O obxectivo era controlar o territorio “mediante a intimidación ilegal, o maltrato, o uso da violencia e a eliminación daqueles considerados opositores”, incluídas forzas kosovares rivais, defende a acusación.

 No xuízo, Thaci declarouse como “non culpábel”, mentres que a súa defensa alega que os acusados sufriron un trato inxusto na fase preliminar do litixio, que se desenvolve en base á lei kosovar pero cun tribunal formado por maxistrados internacionais, co fin de garantir a neutralidade do xuízo e ofrecer unha maior protección ás testemuñas. Ao tempo, milleiros de persoas manifestáronse esta segunda feira en Pristina, a capital kosovar, en contra do xuízo.

Comentarios