Conmoción na Arxentina polo intento de magnicidio contra Cristina Kirchner

Milleiros de persoas saíron á rúa a expresar o seu repudio á violencia o sábado despois do intento de atentado contra a ex presidenta arxentina Cristina Fernández de Kirchner.
Concentración de solidariedade con Kirchner á beira da súa vivenda en Bos Aires, ao coñecerse o intento de magnicidio. (Foto: Martin Cossarini / dpa)
photo_camera Concentración de solidariedade con Kirchner á beira da súa vivenda en Bos Aires, ao coñecerse o intento de magnicidio. (Foto: Martin Cossarini / dpa)

Poucos minutos despois das 21 horas da quinta feira na Arxentina (2 da mañá da sexta na Galiza), un home apuntou a súa pistola á cabeza da ex presidenta do país e actual vicepresidenta, Cristina Fernández de Kirchner, cando saudaba os simpatizantes que, desde o intento da Fiscalía de condenala por un suposto caso de corrupción -que ela denuncia como unha persecución-, permanecen en mostra de apoio á porta do edificio no que reside, no cruce das rúas Juncal e Uruguay, no barrio de Recoletas, en Bos Aires.

O agresor, Fernando Andrés Sabag Montiel, un brasileiro de 35 anos, premeu dúas veces o gatillo da arma -cargada con cinco balas-. Porén, non se chegou a producir o disparo. Tras a primeira impresión, Kirchner agachouse e o seu dispositivo de seguridade detivo a Sabag, 
recolle La Nación.

O atentado contra a dúas veces presidenta do país, así como actual vicepresidenta e presidenta do Senado, foi cualificado como o feito “máis grave que sucedeu desde que recuperamos a nosa democracia” polo mandatario, Alberto Fernández, nunha intervención de urxencia arredor da medianoite.

“Cristina permanece con vida porque, por unha razón aínda non confirmada tecnicamente, non se disparou pese a terse premido o gatillo”, explicou, trasladando o “máis enérxico repudio de toda a 
sociedade arxentina”.

Fernández reclamou “recuperar a convivencia democrática”, rota polos “discursos de odio que se espallaron desde diferentes espazos políticos, xudiciais e mediáticos da sociedade arxentina”. Asemade, decretou a sexta feira como festivo nacional para que o pobo “poida expresarse en defensa da vida, da democracia e en solidariedade coa nosa vicepresidenta”.

Condena internacional

O intento de asasinato foi condenado por boa parte das forzas sindicais, políticas e sociais do país, así como por Gobernos como o de Chile, Uruguai, Paraguai, Cuba ou Estados Unidos, e mais polo papa Francisco. A Fronte de Todos (coalición liderada polo peronismo e á que pertence o presidente e a vicepresidenta) convocou unha mobilización ás 12 horas que rematou na praza de Maio, secundada por organizacións sociais e á que acudiron milleiros de persoas.

Amais, a Xustiza acusou Sabag de tentativa de homicidio agravado e lanzou a investigación. Xa na vivenda do agresor, atoparon máis de 100 balas. O único antecedente que tiña rexistrado produciuse en marzo de 2021, por levar un coitelo de grandes dimensións. Ademais, ao longo do día tomouse declaración ás testemuñas.

No que atinxe ás motivacións do atentado, medios locais inciden en que Sabag apareceu dúas veces nas últimas semanas en Crónica TV opinando na rúa, alí criticou as propostas sociais do Executivo actual e a clase política, e defendeu a extradición dos cidadáns estranxeiros.

Nese sentido, El cronista revela que entre as tatuaxes do detido hai tres con distintas imaxes usadas habitualmente por neonazis.

O intento de magnicidio provocou múltiples peticións de dimisión do ministro de Seguridade, Aníbal Fernández, encabezadas por Hebe de Bonafini, unha das fundadoras das Nais da praza de Maio, ao ser o responsábel no gabinete do operativo de protección de Kirchner.

Semanas de enfrontamentos e tensión en Bos Aires

Desde que a Fiscalía reclamou 12 anos de prisión e inhabilitación para Kirchner por corrupción, que ela denuncia como persecución xudicial, sucedéronse os enfrontamentos entre os seus seguidores e a Policía, que instalou un valado e non permitía achegarse á vivenda de Kirchner por orde do alcalde porteño, Horacio Rodríguez Larreta, que pertence á oposición. Finalmente, a Xustiza obrigouno a quitar o valado.

 

Comentarios