Demandas para os responsábeis da irrupción da policía peruana na universidade de Lima

O operativo no que a Policía peruana asaltou a Universidade de San Marcos en Lima (Perú) saldouse coa detención “arbitraria” de polo menos 205 persoas.

Policía peruana detendo estudantes na Facultade de Enxeñaría da Universidade de San Marcos, en Lima.
photo_camera Policía peruana detendo este sábado estudantes na Facultade de Enxeñaría da Universidade de San Marcos, en Lima.

A Coordinadora Nacional de Dereitos Humanos (Cnddhh) do Perú interpuxo este domingo un recurso contra o ministro do Interior do país, Vicente Romero, e o comandante xeneral da Policía Nacional, Raúl Alfaro Alvarado, tras o operativo nas instalacións da Universidade de San Marcos en Lima (Unmsm).

Dous avogados integrantes da organización presentaron unha demanda de ‘habeas corpus’, alegando “arbitrariedade” nas detencións deste sábado, 21 de xaneiro, no campus da principal universidade da capital.

A Policía irrompeu nas instalacións da Unmsm empregando tanquetas para desaloxar os manifestantes que se encontraban no estabelecemento desde hai catro días para apoiar as protestas contra o Goberno da presidenta Dina Boluarte. O operativo saldouse coa detención de polo menos 205 persoas, recollen medios locais.

Durante a intervención rexistráronse vídeos que revelan o maltrato da policía cara persoas que xa estaban reducidas. Un vídeo que circula polas redes sociais mostra unha muller policía humillando unha cidadá que xacía sobre o chan.

 

Ademais, desde a Cnddhh denunciaron que “non están garantidos os dereitos procesuais das persoas intervidas nin condicións mínimas para a súa integridade física e emocional”, afirmou, sinalando que non tiveron acceso aínda aos seus avogados e avogadas.

Pola súa parte, a Corte Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH) expresou a súa “preocupación” pola “incursión policial, despexo e detencións masivas” na Unmsm e instou o Estado peruano a “render contas sobre os feitos e garantir a integridade e debido proceso de todas as persoas”.

A Defensora do Pobo, á súa vez, pediu que non se afecte a integridade de mulleres detidas. “No caso de mulleres detidas as revisións non deben afectar á súa integridade e indemnidade corporal”, manifestou.

Comentarios