A cidadanía sae á rúa máis unha xornada en Francia contra a reforma das pensións

As autoridades francesas esperan entre 600.000 e 800.000 manifestantes, nun contexto de folgas no servizo de trens, o transporte público, escolas e refinerías nas principais cidades de Francia.
Protestas en París contra a reforma das pensións (Foto: Europa Press / Contacto / Ahmed Hariry Mahmoud).
photo_camera Protestas en París contra a reforma das pensións (Foto: Europa Press / Contacto / Ahmed Hariry Mahmoud).

Millares de persoas protagonizan esta quinta feira unha nova xornada de marchas e mobilizacións contra a reforma de pensións impulsada polo presidente francés Emmanuel Macron.

A propósito da undécima xornada de manifestacións no Estado Francés, o secretario xeral da Confederación Francesa Democrática do Traballo (CFDT), Laurent Berger, espera unha gran participación dos agremiados para mostrar un amplo rexeitamento á reforma xubilatoria.

As autoridades francesas esperan entre 600.000 e 800.000 manifestantes, nun contexto de folgas no servizo de trens, o transporte público, escolas e refinerías nas principais cidades de Francia.

Tras o fracaso dunha reunión coa primeira ministra, Elisabeth Borne na cidade de París, a maioría dos gremios ratificaron a súa intención de manter as marchas e os chamados á folga.

Durante o encontro coa funcionaria francesa, os gremios acusaron o Goberno de ignorar o reclamo da cidadanía e expresaron o seu rexeitamento aos cambios no sistema de retiro.

Reunión do Consello Constitucional

Esta nova xornada de mobilización dáse a pouco máis dunha semana de que o Consello Constitucional (CC) tome unha decisión sobre a validez da reforma xubilatoria que foi aprobada polo Goberno sen culminar o trámite lexislativo.

Sobre a posíbel resolución do CC, o secretario xeral da CFDT dixo que a responsabilidade do ente constitucional é a de pór fin á crise social, polo que chamou a non validar a controversial reforma.

A pesar do descontento social, o Goberno francés négase a retirar a súa reforma que aumenta a idade de xubilación a 64 anos para 2030 e adianta a 2027 a esixencia de cotizar 43 anos para cobrar unha pensión completa, algo que rexeitan dúas de cada tres franceses.

Comentarios