A China e Rusia estreitan lazos na cimeira virtual dos presidentes

Os dous países póñense como exemplo de "cooperación" e critican a inxerencia estranxeira nos seus asuntos.
Vladimir Putin na xuntanza. (Foto: Kremlin / dpa)
photo_camera Vladimir Putin na xuntanza. (Foto: Kremlin / dpa)

Xi Jinping, presidente da China, e o seu homólogo ruso, Vladimir Putin, xuntáronse esta cuarta feira de maneira virtual para abordar a situación das relacións bilaterais, así como a actualidade a nivel mundial e rexional.

As relacións entre Beixín e Moscova son “un verdadeiro exemplo de cooperación interestatal do século XXI”, subliñou Putin ao comezo do cumio, salientando que este modelo está baseado “entre outras cousas, en fundamentos como a non intervención nos asuntos internos e o respecto aos intereses mutuos, e a determinación de converter a fronteira conxunta nun cinto de paz eterna e boa veciñanza”.

Pola súa banda, Xi incidiu en que “o mundo entrou nun período de turbulencias e grandes cambios”, con todo, as relacións bilaterais “amosaron unha viabilidade sólida e recibiron un novo alento”.

Asemade, agradeceu a Rusia o apoio aos “esforzos da China para defender os intereses nacionais chave e oporse enerxicamente aos intentos de crear unha fenda” entre ámbolos dous países.

No que atinxe á situación internacional, a axencia Xinhua recolle como o mandatario chinés recoñeceu a Putin que “certas forzas internacionais” estaban interferindo nos asuntos internos chineses e rusos utilizando a “democracia” como escusa, ao tempo que “pisan de forma brutal o dereito internacional” e as “normas recoñecidas que gobernan as relacións internacionais”, en referencia aos Estados Unidos (EUA) e á Unión Europea.

O asesor da Presidencia rusa, Yuri Ushakov, transmitiu que na cimeira os líderes expresaron a súa preocupación pola actividade dos EUA para “reconfigurar a situación na rexión de Asia-Pacífico”, e acusaron os Estados Unidos, Reino Unido e Australia por socavar o equilibrio nuclear e aumentar a tensión na rexión.

Outro dos temas que se trataron na xuntanza foi a resposta á pandemia de Covid-19. Con respecto ás relacións comerciais, destacaron que os intercambios comerciais medraron un 31% entre xaneiro e novembro, até os 110.000 millóns de euros.

Final dunha era de actuacións arbitrarias

Poucas horas antes da xuntanza, o voceiro do Ministerio de Asuntos Exteriores da China, Wang Wenbin, instou a comunidade internacional a investigar os crimes de guerra dos militares dos EUA ao matar civís inocentes en todo o mundo.

“A xustiza pode atrasarse, pero non será negada, a era na que os EUA actuaron arbitrariamente no mundo baixo o pretexto da democracia e os dereitos humanos rematou”, destacou Wang.

Comentarios