A China comprométese a dar voz a África nos órganos internacionais

A China e África reforzan a súa relación na oitava xuntanza do Foro común, no que se anunciou a cancelación de débedas intergobernamentais.
Wang Yi, ministro de Asuntos Exteriores chinés, nunha foto de arquivo. (Foto: YNA / dpa)
photo_camera Wang Yi, ministro de Asuntos Exteriores chinés, nunha foto de arquivo. (Foto: YNA / dpa)

A China e 53 dos 54 países de África -agás Esuatini- concluíron a oitava xuntanza do Foro de Cooperación China-África en Dakar (Senegal) reforzando os seus lazos comerciais e a cooperación internacional.

Asemade, acordaron dedicar especial atención ás necesidades de desenvolvemento urxente dos países africanos, así como aumentar a representación do continente no ámbito internacional.

A China é o principal socio comercial de África, que recibe o 45% das axudas chinesas dirixidas ao estranxeiro, ademais, nos Estados situados ao sur do deserto do Sáhara, o volume de comercio desde 2015 triplica o dos Estados Unidos.

Cooperación dinámica

Aïssata Tall Sall, titular de Asuntos Exteriores do país anfitrión, salientou que a cooperación entre os socios é “dinámica, querida e aceptada polo conxunto dos nosos Estados e compartida tamén polos nosos respectivos pobos”.

“A China será sempre o socio máis sincero, fiábel e a longo prazo de África”, proclamou Wang Yi, conselleiro de Estado e ministro de Asuntos Exteriores chinés, na rolda de  prensa de clausura do Foro, que rematou na noite da terza feira en Dakar (Senegal).

Cancelación de débedas

Entre os anuncios transmitidos na cimeira, onde o presidente chinés Xi Jinping se comprometeu a entregar mil millóns de vacinas contra a Covid-19, está a cancelación das débedas pendentes vencelladas con préstamos intergobernamentais sen intereses que vencen a finais de 2021, outorgados aos países menos desenvoltos do continente.

Asemade, Wang comprometeuse a loitar contra a inxerencia estranxeira nos Estados africanos e a fomentar a súa representación nos debates internacionais, nun cumio no que foron aprobados catro documentos.

Aparte dos investimentos en industria verde e en tecnoloxía para vixiar a situación medioambiental, e na loita contra o cambio climático, o principal acordo adoptado é a resolución Visión 2035 da Cooperación China-África, na que aposta por un aumento dos intercambios financeiros en 2035 até 265.000 millóns de euros.

Nos primeiros dez meses de 2021, estes intercambios chegaron a 183.000 millóns de euros.

O Foro foi cualificado polo secretario xeral da Organización das Nacións Unidas como “un excelente exemplo de cooperación internacional”, recolle Le Journal de l’Afrique.

Comentarios