"O que non salte é paco (policía)" coreaba o afervoado Anfiteatro da Quinta Vergara, na cidade chilena de Viña del Mar, en Valparaíso. Bailando ao seu son, no escenario, a artista de pop-rock Francisca Valenzuela, gañadora dos premios entregados polo público: as gaivotas de prata e de ouro.
Valenzuela encargouse de pechar a segunda xornada do popular certame. A súa entrada, contra as dúas da mañá (as seis, horario galego), xa afoutou as e os asistentes: no seu longo abrigo negro líase "Non máis estalidos oculares", en referencia aos numerosos casos de perda de globos oculares durante as protestas iniciadas na primavera a causa dos proxectís das forzas antidisturbios. Tamén, outras catro mensaxes: "Non máis impunidade", "Abaixo o patriarcado", "Feminismo revolución" e "Paridade".
O seu primeiro tema foi Los poderosos, que interpretou ao piano fronte a unha bandeira de Chile tinguida de negro. "Os poderosos menten, fan o conveniente. Sorrín e ascenden", cantou Francisca Valenzuela.
A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.