Medra o apoio á nova constitución chilena, mais o 'non' continúa a ser maioritario

As enquisas dan a vitoria aos detractores do borrador da carta magna.
Entidades feministas de Chile nun acto para reclamar o voto afirmativo á nova Constitución do país, que substituiría a de Pinochet. (Foto: Feministas por el Apruebo)
photo_camera Entidades feministas de Chile nun acto para reclamar o voto afirmativo á nova Constitución do país, que substituiría a de Pinochet. (Foto: Feministas por el Apruebo)

O 4 de setembro 15 millóns de chilenas e chilenos que residen no país exercerán o voto obrigatorio para determinar se validan o novo proxecto de Constitución redactado pola Convención Constitucional, ou se pola contra manteñen o texto de 1980, impulsado polo ditador Augusto Pinochet.

As propostas teñen grandes diferenzas, pois mentres o marco vixente minimiza o papel do Estado e brinda a iniciativa a grandes corporacións que controlan sectores como o das pensións, o documento que se someterá a plebiscito en menos dun mes ratifica Chile como un Estado social, democrático, plurinacional, intercultural, rexional e ecolóxico. Ao tempo, fai fincapé en que o país ten que garantir unhas mínimas condicións de vida á poboación por medio da intervención estatal, e pon o foco no desenvolvemento sustentábel nunha democracia inclusiva e paritaria.

O interese da poboación polo texto levou a que nas últimas semanas a proposta de Constitución sexa o libro de non ficción máis vendido no país, enchendo tamén as mesas dos mercados ambulantes con distintas edicións, todo isto a pesar de que tamén se pode descargar de maneira gratuíta e de que as institucións repartirán case un millón de copias.

Este fenómeno editorial tivo un equivalente cando se convocou o plebiscito para votar en 2019 sobre o impulso a un proceso constituínte, multiplicando as vendas da Constitución actual. As entrevistas dos medios chilenos cos propietarios de librarías destapan unha visión común arredor dun libro que a maioría vende ao prezo de custo: Que a poboación tome unha decisión informada antes de ir votar, sexa polo “aprobo” ou polo ”rexeito”.

Esta necesidade responde ao aumento da desinformación desde que a proposta foi presentada, “preocúpannos as distorsións, interpretacións e a ocultación de información”, incidiu hai uns días o Colexio de Xornalistas de Chile, que instou as e os profesionais a “facer as preguntas pertinentes a entrevistados que insistan na repetición de novas falsas”.

Ademais destas noticias, reiteradas por un ecosistema mediático maioritariamente conservador -cuxas formación políticas defenden o "rexeito"-, chegáronse a repartir edicións falsas da nova Constitución ou panfletos que falsean os logos das institucións estatais para repetir afirmacións como que o novo texto vai prohibir a propiedade privada.

Ao tempo, centos de supostas informacións aseveran que se permitirá o aborto até o noveno mes de embarazo (na Constitución déixao pendente de regulación posterior), que quedará prohibido o sistema de pensións privado (na nova norma queda integrado nun sistema Nacional de Saúde rexido polo Estado), ou que milleiros de inmigrantes chegados no último momento a Chile de Venezuela e Haití riscarán “aprobo” na papeleta (hai que ter cinco anos de residencia para votar no país).

Outra das falsas informacións é que se contarán a favor da Constitución os votos dos desaparecidos durante a ditadura -e que aínda non foron considerados mortos-. O Servizo Electoral chileno está aclarando diariamente por medio dun número telefónico e as súas canles de comunicación en internet cal é a realidade en cada situación, o que non evita un paulatino incremento de novas falsas a medida que nos achegamos ao 4 de setembro.

De gañar o 'non', Boric defende iniciar outro proceso constituínte

A pesar de que a decisión de impulsar unha asemblea constituínte contou co apoio de 80% das e dos votantes, nos meses previos á presentación da proposta o rexeitamento á nova Constitución foi medrando até imporse por máis de 20 puntos aos partidarios, segundo sostiveron empresas demoscópicas como Signos.

Porén, a medida que o texto definitivo comezou a espallarse foi perdendo terreo até situarse a diferenza en arredor de seis puntos porcentuais, con vantaxe para o “rexeito”. No caso de que finalmente a proposta fose derrotada no plebiscito, o presidente Gabriel Boric propuxo comezar un novo proceso constituínte. Se fose aprobada, comprometeuse a facer varias modificacións para contentar os sectores que neste intre están a defender votar en contra da nova Constitución.

Comentarios